O Paseo Alcalde Blanco avanza na súa conversión dun espazo urbano moderno, sostible e integrado co mar

08 febreiro 2021

O Paseo Alcalde Blanco está a avanzar na súa execución para converterse nun espazo urbano moderno, sostible e integrado con mar. Unha nova área urbanística para o goce da veciñanza, coa que converter o punto neurálxico da nosa vila nun lugar de encontro e de relación directa coa natureza.

A UTE de empresas Prace – Emergis Construcciones é a que se está a encargar deste proxecto, que cambiará radicalmente a relación do núcleo urbano de Marín coa súa fachada litoral. A compoñente paisaxística será a gran protagonista da humanización do paseo, cunha mellor integración entre este e a zona na que se ubicará o Auditorio, así como co resto do casco urbano de Marín. “Queremos crear espazos agradables, de esparexemento para os nosos veciños e veciñas, aproveitando todos os recursos que temos e a nosa espectacular paisaxe”, engadiu a alcaldesa.

Tal e como se detalla na memoria do proxecto, na punta do paseo crearase unha nova zona de transición, consistente nunha peza de madeira a modo de graderío, onde tamén se habilitarán pequenos miradoiros.

Asemade, o proxecto contempla a creación de áreas verdes amplas abondo para acoller diversas especies vexetais, seleccionadas previamente, que sirvan de barreira visual cara a infraestrutura portuaria que colinda co paseo. Nestas áreas tamén haberá espazo para albergar bancos de descanso, elementos de xogo infantil, xogos acuáticos…

Ademais, a humanización deste paseo suporá tamén a implementación dun novo local de hostalaría, cuxo deseño estea integrado ca contorna e que conte con amplos ventanais, facilitando a prestación das vistas ás persoas que vaian facer uso del.

O orzamento total ascende a 1.312.653,45 euros (sen IVE), que están financiadas nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea, no marco da estratexia Marín Dusi.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies