Contacto | Tel.:986 88 03 00

O Pleno de Marín aproba o Plan de Reactivación do Comercio Local

O Pleno da Corporación celebrado no Concello de Marín deu luz verde ao Plan de Reactivación do Comercio Local polo Concello, un ambicioso proxecto global que comprende moitas das medidas que xa se foron executando ao longo destas últimas semanas e que traza as liñas estratéxicas a seguir de cara ao reimpulso económico da nosa localidade.

O Plan saíu aprobado cos votos favorables do Partido Popular e o Partido Socialista de Marín e contou co voto negativo do Bloque Nacionalista Galego.

O orzamento total do Plan ascende a case 400.000 euros e contempla actuacións tanto no ámbito fiscal e tributario como no da dinamización comercial, a dixitalización e a incentivación do consumo directo nos establecementos do municipio.

Para elaborar o Plan, tivéronse en conta as achegas realizadas tanto polos grupos da Corporación Local, que se reuniron nunha primeira sesión da Mesa de Traballo articulada para este fin, como as das asociacións de comerciantes Estrela de Marín, Acemas (de Seixo) e da Praza de Abastos.

Primeiras medidas abordadas

 1.- Axudas en materia tributaria

Unha das primeiras liñas de acción que se puxo en marcha nos meses do confinamento e que se inclúe neste Plan de Reactivación cun importe de 140.000 euros é a que ten que ver coas exencións e facilidades de pago que se articularon en torno aos impostos e taxas municipais.

De xeito pormenorizado, anunciouse que se deducirá do próximo recibo a taxa de recollida do lixo para todos aqueles comercios que estiveron pechados durante o confinamento.

Ademais, unha das medidas que máis acubillo tivo entre os hosteleiros foi a exención da taxa por ocupación de vía pública cas mesas e cadeiras das terrazas durante todo o ano 2020 e o 2021 (devolvendo os importes que xa estaban pagados previamente).

Paralelamente a esta exención, ampliouse substancialmente o número de terrazas autorizadas aos locais para colocar nas súas terrazas, co obxectivo de fomentar a súa actividade namentres duren as restricións derivadas da crise sanitaria.

En total, Marín conta con 174 novas mesas autorizadas durante esta situación, aprobando practicamente todas as solicitudes dos locais, avaliando unha a unha as peticións para que non se produciran problemas no reparto do espazo público nin cos peóns nin con posibles locais adxacentes.

Asemade, a Concellaría de Facenda impulsou a ampliación máxima dos períodos de pago en voluntaria ao máximo permitido pola lei de todas as taxas e impostos. Se habitualmente ese prazo era de 2 meses, agora está ampliado até 3 ou 4 meses.

Nesta liña, vén de anunciarse tamén a modificación da ordenanza que regula o fraccionamento dos pagos tributarios, para que haxa máis flexibilidade nos prazos, aumentádoos tamén até o máximo permitido, e axilizando a carga burocrática para solicitar esta modalidade de pago.

2.- Dotación de material de prevención

Co obxectivo de apoiar ao comercio na súa apertura inicial, cumprindo con garantías con todos os protocolos de seguridade e de hixiene, fíxose un reparto porta a porta por parte do Goberno local de material de prevención de mascarillas reutilizables, pantallas e xel hidroalcohólico.

A dotación deste material cífrase en 7.000 euros. O Concello quixo agradecer de novo onte a colaboración altruísta e solidaria das máis de 170 persoas voluntarias que axudaron na confección das máis de 26.000 mascarillas creadas co material aportado polo Concello, parte das cales formaron parte deste reparto aos comerciantes e hostaleiros da nosa localidade.

3.- Marín en Rede, unha plataforma para o presente e o futuro dixital

Aínda estando en confinamento, o Concello impulsou a creación dunha páxina web municipal, unha plataforma online cun directorio, dividido por sectores, dirixido a todos os negocios da vila, no que potenciar a visibilidade e a dixitalización dos mesmos.

Marín en Rede, que é o nome do proxecto, é unha aposta a longo prazo, un paraugas baixo o que desenvolver paulatinamente campañas de dinamización e visibilidade comercial, como a que actualmente está a desenvolverse, #PonllesCara, na que cada negocio conta cun vídeo promocional no que tamén se conciencia á cidadanía da necesidade de vivir local.

Tamén se elaboraron outras propostas de comunicación e sensibilización dirixidas á cidadanía, como o vídeo de promoción da economía local colgado nas redes, que conseguiu un alcance de cerca de 35.000 persoas, según os datos das propias redes sociais, así como a campaña de muppies e de anuncios en prensa cos lemas da campaña: Alenta o noso comercio, apoia a nosa economía, aperta o noso turismo e ampara a nosa saúde. Merca, consume e vive local.

O orzamento total do proxecto ascende a 30.000 euros e estará cofinanciado polos Fondos FEDER da Unión Europea, a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible EDUSI Marín 2020.

Medidas a desenvolver proximamente

 

1.- Potenciar o traballo das asociacións

O traballo das asociacións comerciais é fundamental e por iso o Plan de Reactivación reserva unha partida de cerca de 20.000 euros a potenciar e visibilizar as campañas que plantexen os tres colectivos da vila referentes neste ámbito: Estrela de Marín, Acemas e a Asociación da Praza de Abastos, así como co coletivo de hostaleiros.

Ademais, colaborarase na financiación de campañas de dinamización do comercio local que prantexen as asociación ou outros sectores, estudando a súa viabilidade e necesidades para levalas adiante.

2.- Módulos de formación para comerciantes e hostaleiros

Se algo evidenciou a crise sanitaria da COVID19 nestes sectores é a necesidade de apostar polo mundo dixital e todas as súas posibilidades. Por iso e como resposta á demanda dos propios actores sociais implicados, deseñaranse módulos de formación de diferentes niveis para aqueles comercios interesados en adoptar competencias en dixitalización, márketing e novas tecnoloxías.

Para este eixo de traballo establécese un orzamento de 75.000 euros.

3.- Medidas de reactivación do consumo

Deseñaranse formas de reactivar de xeito directo o consumo a través de bonos, vales, cheques regalo… Algún tipo de ferramenta que axude aos veciños e veciñas da vila a ter incentivos para mercar máis no seu comercio local. Destinaranse a este obxectivo cerca de 45.000 euros.

4.- Ampliación horaria das terrazas e dinamización cultural

Encargarase un estudo de viabilidade por se é posible ampliar o horario tanto da propia hostalaría como das terrazas e proporanse actividades de dinamización cultural e de animación nas rúas para así axudar á dinamización dos locais, fomentando a compra e atraendo non só a habitantes de Marín senón tamén de Concellos cercanos.

Tamén estase a traballar na reapertura do mercadillo de Seixo unha ou dúas veces ao mes, estudando a exención da taxa pola ocupación da vía pública e un posible cambio de ubicación no caso de que sexa un día de semana.

Para estas cuestións, xunto co encargo da xestión do Plan para traballos de consultoría, destinaranse sobre 75.000 euros.

Tal e como adiantou o Concello, este plan poderá ter modificacións nas cantidades previstas, implantando novas accións ou ampliando e mellorando as que xa están postas en marcha, “dependendo de como evolucione a situación económica” nos próximos meses.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies