Os parques do Lago Castiñeiras xa comezan a recibir as primeiras visitas

Os parques do Lago Castiñeiras xa comezan a recibir as primeiras visitas

O Lago de Castiñeiras xa conta cun novo atractivo para as familias. Os dous novos parques infantís demostraron nestas últimas semanas, nas que as condicións climatolóxicas favoreceron as actividades ao aire libre, que teñen moito éxito e que eran demandados tanto pola cidadanía de Marín como por visitantes que se achegan ata o lago.
A instalación destes dous parques forma parte da estratexia global que ten o Concello en Castiñeiras, cuxo obxectivo é a posta en valor deste espazo medio ambiental respectando o impacto paisaxístico da contorna. Por iso, o deseño dos parques está perfectamente integrado. Os elementos, feitos en aceiro galvanizado, requerirán pouco mantemento e resistirán o paso do tempo a pesar das condicións de humidade que se dan na zona.
En total, as dúas áreas ocuparán un espazo de máis de 550 metros cadrados.

Elementos destacables
No deseño e na elección dos elementos, tamén primou a súa capacidade lúdica. Nun dos parques, concretamente o situado nos terreos da Comunidade de Montes de San Xulián, instalouse unha tirolina de 26 metros, acompañada por un equipo multi aventura de oito pórticos, unidos entre si por barras, pontes, cordas…
Neste parque colocou ademais un bambán dobre combinado, que conta con dous asentos planos e outro tipo cesta, especialmente indicado para persoas con mobilidade reducida.
Con respecto ao parque sito nos terreos da Comunidade de Montes de Santomé, instaláronse dúas torres unidas por unha rede e con tobogáns anexos. Hai tamén un balancín, dous xoguetes de resorte e outro bambán combinado.
Este proxecto, cuxo presuposto de licitación é de 74.766,18 euros, contou co financiamento da Axencia de Turismo de Galicia, ao abeiro dun convenio asinado entre o ente autonómico, dependente da Consellería de Cultura, e o Concello de Marín.
As dúas Comunidades de Montes de Marín cederon os terreos ao Concello para poder levar a cabo esta mellora.

Anterior O Concello traballa na conmemoración dun 8M baixo o paraugas da unidade

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados