Primeira fase da humanización da Rúa Camiño Vello de Seixo

30 xaneiro 2021

A Concellaría de Rural informou este venres de que o luns comezará a primeira fase das obras de humanización da Rúa Camiño Vello de Seixo, un proxecto esencial para a mellora urbanística da parroquia e que suporá unha inversión total de 374.361,63 euros.

A empresa COVSA foi a que resultou gañadora no concurso e será a que execute esta obra, que afectará ao ramo comprendido entre a rúa Doutor Otero Ulloa (estrada PO-551) e o cruce coa Estrada O Grupo Escolar de Seixo, de tal maneira que esta mellora da contorna suporá unha continuidade da actuación que xa se realizou desde este cruce até a estrada provincial EP-1202.

Desde o luns, por mor dos traballos desta primeira fase, haberá cortes ao tráfico entre a Igrexa Evanxélica e o cruce de María González Rubido. Así a todo, aqueles que saian do Centro de Saúde poderán realizar o xiro sen problemas cara o Mercado.

As razóns para acometer esta obra son evidentes. Por unha banda, o actual deseño da rúa provoca conflitos cando dous vehículos se cruzan e hai outros estacionados, xa que a amplitude do viario non permite o paso simultáneo de ambos coches.

O problema é similar no caso das beirarrúas, cuxa anchura actual, de entre 1.60 e 1.68 metros, non é dabondo para a comodidade dos peóns. Ademais, o deterioro do pavimento supón incluso un perigo polas posibles caídas e tropezos, polo que é inminente a súa reparación.

Por outra banda, os servizos de abastecemento atópanse en “moi mal estado de conservación”, xerando incluso problemas á veciñanza polas roturas e avarías que se xeran consecuencia desta situación.

Así, con esta actuación preténdense corrixir estas medidas, aumentando as beirarrúas ata uns 2.50 metros (dependendo nalgúns puntos das fachadas dos edificios anexos). No que respecta á calzada, quedará un carril de 3.50 metros de amplitude, de único sentido desde a Rúa Doutor Ulloa ata o Mercado.

Para o estacionamento, deixarase á beira de toda a marxe dereita do viario un espazo de máis de 2 metros. Asemade, eliminarase a illa existente no inicio do tramo, fronte á Igrexa Evanxélica, para poder ampliar nese punto tamén as beirarrúas, incorporando un paso de peóns.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies