Contacto | Tel.:986 88 03 00

Ramallo apoia a coordinación entre administracións que propón a Xunta de Galicia para a xestión das axudas directas aos sectores máis afectados pola pandemia

18 xaneiro 2021

A alcaldesa, María Ramallo, recibiu hoxe como unha boa nova a proposta realizada pola Xunta de Galicia de articular un fronte común entre o Goberno autonómico, as Deputacións provinciais e os concellos para salvar do peche ás empresas e autónomos galegos, habilitando liquidez directa para que sectores tan castigados como a hostalaría poidan sobrepoñerse a estes durísimos momentos.

“É evidente que neste contexto de restricións nos que se atopa a hostalaría, especialmente, pero tamén outros sectores, todas as administracións temos que aportar o noso grao de area, traballando de xeito coordinado para paliar os efectos económicos da pandemia”, asegurou a rexedora.

Segundo a proposta da Xunta, o obxectivo é que os concellos, como sería o caso de Marín, aporten unha porcentaxe do 20% dese Fondo de Cooperación Covid-19, que suporá un alivio monetario a aqueles negocios que están traballando a medio gas ou directamente que frearon a súa actividade económica.

Ramallo considera que facendo este esforzo común, aportando cada administración o que pode segundo a súa magnitude pero baixo un mesmo paraugas e cun obxectivo claro, “seremos moitísimo máis eficaces que se seguimos lanzando liñas de axuda cada un por libre. A coordinación axudaranos a chegar mellor aos sectores que máis nos precisan, investindo mellor os recursos”.

Desde o Goberno local, foron moitas as medidas que se aplicaron para axudar á hostalaría e ao comercio durante a pandemia, como foi a prorrogación do pago de determinados impostos, a suspensión durante os peches de actividade dalgúns outros como o do lixo e a auga, a exención total da taxa de terrazas durante todo 2020 e o 2021, o impulso da plataforma de visibilidade dixital Marín en Rede ou a posta en marcha do programa Reactiva Marín, que ofrecerá formación gratuíta para os negocios da vila.

 

 

 

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies