Contacto | Tel.:986 88 03 00

Un Premio Lazo Violeta colectivo para as profesións que intensificaron o seu traballo contra a violencia de xénero durante a pandemia

O Concello de Marín, por decisión do Consello Municipal da Muller, adicará o XI Premio Lazo Violeta que tradicionalmente se outorga o 25N, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, a todos os colectivos de profesionais que interveñen nos casos de violencia de xénero no municipio e que traballaron -e traballan- duramente durante a pandemia para loitar contra unha lacra que non entende de confinamentos.

Trátase dunha cadea, con diferentes eslabóns e funcións, que son fundamentais para que as mulleres vítimas da violencia de xénero poidan ser atendidas en todo momento. Desta cadea, forman parte:

–          A Unidade de Atención á Familia e Muller da Comisaría de Policía de Marín (UFAM) que é a que ten o primeiro contacto cando se produce un caso de violencia machista.

–          As e os axentes que prestan acompañamento policial ao Centro de Saúde de Marín cando é preciso un parte médico (Seguridade cidadá) Aquí, continúa a intervención e o traballo das e dos profesionais do Punto de Atención Continuada (PAC) e a Unidade de Traballo Social de Atención Primaria, que manteñen unha atención continuada á vítima, tranquilizándoa e establecendo as primeira pautas para o seguemento do caso.

–          No momento de interpoñer a denuncia nas dependencias policiais, é relevante o papel que se exerce desde a Quenda especial de violencia de xénero do Colexio de Avogacía de Pontevedra.

–          Unha vez que se pon o caso a disposición do Xulgado de Garda, hai unha intervención do persoal do xulgado e da propia xuíza. Neste punto, préstase especial atención ás medidas sanitarias necesarias e á acomodación do horario acordado coa UFAM e o CIM de Marín para facilitar o recurso de acollemento da vítima fóra da provincia de Pontevedra.

–          Por suposto, o contacto continuo desde o minuto un no que se ten coñecemento do caso coas profesionais do CIM e de Servizos Sociais, que durante a pandemia, ademais de todos os apoios que prestan polo normal, continuaron prestando atención psicolóxica e asistencia xurídica para atender a esas demandas concretas derivadas da situación sanitaria. Precisamente, púxose en marcha tamén un teléfono con Whatssap a disposición das mulleres e dos profesionais para posibilitar manter este contacto continuo minimizando o risco.

–          Outros servizos que interveñen cando é necesario derivar o caso a outra localidade fóra do municipio é o         CRI (Centro de Recuperación Integral para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero) dependente da Secretaría Xeral de Igualdade.

Finalmente, a Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno que procurou en todo momento transmitir todas as informacións necesarias sobre recursos útiles para as mulleres e os departamentos da Secretaría Xeral da Igualdade que colaboraron na axilizacion das necesarias axudas individuais para aquelas mulleres que as solicitaron para abandoar  as relacións de abuso.

“Sen o traballo, o esforzo e a implicación de cada unha das persoas que exercen o seu traballo nesta cadea, non sería posible asistir con efectividade ás mulleres e as suas familias e loitar contra a violencia de xénero. Queremos visibilizar o seu importante papel e, sobre todo, agradecerlles o esforzo extra realizado durante os meses de confinamento, que foron especialmente duros”, declarou a concelleira de Igualdade, Marián Sanmartín.

Debido á situación sanitaria tamén está aínda pendente de definise como será a conmemoración deste 25N, que non poderá contar co acto institucional tradicional que se levaba a cabo no Salón de Plenos por cuestións de aforo e de cumprimento das restricións vixentes.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies