Contacto | Tel.:986 88 03 00

Unha “Festiña Corsaria” adaptada á nova normalidade

A situación epidemiolóxica da Covid19 permitirá a celebración da Festa Corsaria deste ano, pero dun xeito totalmente diferente a como se ven celebrando noutras edicións. Non haberá mesas para comidas, como é tradicional nesta festa, nin grandes actuacións ou citas que poidan atraer multitudes. Trátase, pois, dunha “Festiña Corsaria”, como a rebautizaron esta mañá as concelleiras Raquel Soage e Marián Sanmartín, encargadas da súa organización.

As edís mantiveron unha reunión de traballo co tamén concelleiro Manuel Santos, co xefe da Policía Local, Benigno Blanco, e co xestor da empresa Pontegest, quen realiza as labores de loxística e planificación do evento.

“O noso obxectivo é que sexa unha xornada lúdica pero totalmente adaptada ás circunstancias que nos tocou vivir, tal e como xa fixemos coas Festas da Virxe do Carme, que tamén se centraron nesta dinamización cultural de pequeno formato que permite manter todas as medidas sanitarias e de seguridade”, asegurou Sanmartín.

Deste xeito, a programación arrancará o venres, 14 de agosto, coa apertura do Mercado Medieval ás 18.00 horas na Alameda de Rosalía de Castro e nas inmediacións do centro urbano. Ás 19.00 horas, no mesmo espazo, comezará a animación de circo, que estará seguida polo pasarrúas Tree Folk ás 19.30 horas. O relevo musical será a partir das 21.30 horas para a Charanga Noroeste e ás 23.00 horas dará comezo o concerto de Somoza Trío na Alameda.

O sábado 15 de agosto, o día con máis actividades programadas, comezará ás 10.00 horas, coa apertura de novo do Mercado Medieval, que estará aberto até as 00.00 horas. Áas 10.30 horas, abrirán as bases mariñas do Mercado, correspondente ao bando de Gago de Mendoza, e de Ezequiel Massoni, propiedade dos ingleses.

Os tradicionais oficios colocaranse no Parque Eguren desde as 10.00 até as 21.00 horas. Estarán o alquimista-augardenteiro, o alfareiro, o toneleiro, o fabricante de seda, o adicado a ave e cetrería, o fabricante de barcas, o telleiro, o tallador de madeira e o artesán de basoiras.

Desde as 11.30 horas haberá, ademais, paseos en calesa na Praza de España, a cargo de Carruajes de Galicia. Chegado o mediodía, polo centro urbano amenizarán as rúas a Batukada Os da Caña, cun zancudo de Barafunda animación, e a Charanga Noroeste. Tamén ás 12.00 horas, poderá gozarse dunha exhibición de voo no Parque Eguren, onde tamén haberá, 45 minutos máis tarde, un espectáculo infantil. A exhibición de voo repetirase ás 19.30 horas.

Para evitar aglomeracións, substituirase a tradicional batalla entre corsarios e ingleses por dous desfiles, que se poderán ver desde diversos puntos da Avenida de Ourense, permitindo manter así a distancia de seguridade. Deste xeito, ás 13.30 será a quenda da invasión inglesa, contando con batucada, tabaleiros e dous zancudos. A invasión corsaria comezará ás 21.30 horas, coa banda sonora da batucada Os da Caña e algúns atractivos somo un esqueleto móbil e tres actores de animación.

A partir das 22.45 e até cerca das 23.30 horas, o Parque Eguren acollerá un espectáculo de fogo e finalmente, rematado o número, será o momento dos concertos. “Demasiadas sombras e pocas luces” actuarán na Alameda e “Trincho café” en Méndez Núñez. Xa chegadas as 00.00 horas, será o turno de “Gran Garaje”, en Augusto Miranda e haberá outros dous concertos aínda por confirmar na praza 8 de Marzo e en Ezequiel Massoni.

Toda a información sobre o evento, así como a programación completa, poderá consultarse na web da Festa Corsaria (www.festacorsaria.com), así como nos seus perfís en redes sociais.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies