Unhas Xornadas Blanco Freijeiro máis accesibles ca nunca e centradas no Camiño de Santiago

As Xornadas Blanco Freijeiro celebraranse este ano de xeito telemático. Así o decidiu a concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, xunto co coordinador deste ciclo de conferencias, Juan Castro, de Anta de Moura. A plataforma de Facebook, a través de vídeos en directo, permitirá visualizar as ponencias, que estarán impartidas por grandes autoridades intelectuais nun dos temas de maior actualidade en Galicia: o Camiño de Santiago.

Non podía ser outra a temática desta nova edición das xornadas de arte, arqueoloxía e historia de Marín, xa que o próximo 2021 será o Xacobeo na nosa autonomía. “Dadas as circunstancias e xa que as novas tecnoloxías nolo permiten, queremos ampliar estas xornadas tan valiosas para o noso concello a todos os profesionais, expertos, empresas de todos os sectores e institucións que teñen vinculación co noso Camiño”, asegurou a concelleira durante a presentación do evento.

“As X. Blanco Freijeiro sempre foron punteiras na especialización dos seus contidos”, engadiu Rodríguez, que asegura que este ano serán imperdibles por todos os novos coñecementos que nos ofrecerán sobre o Camiño e a súa tradición.

Ademais, a edil quixo recalcar que a utilización de Facebook Live supón unha ferramenta telemática sinxela, “polo que todas as persoas que estean interesadas non deben preocuparse se non teñen grandes coñecementos ou manexo deste tipo de tecnoloxías, porque o seu uso e a conexión ás conferencias será moi sinxela”.

Tal e como xa acontecía noutros anos na Biblioteca, as conferencias retransmitiranse ás 20.00 horas e poderán abrirse unha quenda de preguntas ao finalizar a través dos comentarios que se poden deixar na rede social.

 

Programa

Juan Castro, coordinador das xornadas, explicou durante a rolda de prensa que se estruturou o programa en catro bloques. O primeiro, que comezará o martes 24, servirá como “un prólogo no tempo”, para poder coñecer desde unha perspectiva prehistórica a tradición das peregrinacións.

Da man de Ramón Fábregas Valcarce, catedrático de Prehistoria da USC (Universidade de Santiago de Compostela), coñeceremos como e por que peregrinaban os nosos antepasados, dándolle unha importante profundidade á temática das xornadas.

O mércores 25 será a quenda de Fernando López Alsina, catedrático de Historia Medieval da USC e un dos membros do Comité de Expertos que asesora á Xunta de Galicia en cuestións relativas ao Camiño. López falará sobre o inicio da peregrinación a Santiago, do inicio desta devoción polo Apóstolo.

Xa o xoves, día 26, o historiador e responsable do arquivo e biblioteca municipal de Tui, Rafael Sánchez Bargiela, enfocará a súa intervención nos distintos itinerarios que ten o camiño, facendo especial fincapé no éxito do Camiño Portugués, que ten parte de explicación na importante devoción que teñen os lusos. Bargiela, ademais, foi o director xerente da sociedade anónima do Xacobeo entre o 2014 e o 2019, “polo que ten un enorme coñecemento sobre o Camiño”, asegurou Juan Castro,

O último relatorio será impartido por Francisco Singul Loenzo, doutor en Historia e xefe da área de Cultura Xacobea de Xestión do Plan Xacobeo-Turismo de Galicia. Con el, descubriremos como o Camiño foi un gran eixo vertebrador dos diferentes países de Europa, sendo unha autopista de ideas, cultura…

 

Inscricións

A pesar de que as sesións sexan telemáticas, será necesario igualmente inscribirse a través do email xornadas.blanco.freijeiro.marin@gmail.com. O último día para realizar a inscrición será o martes, día 24 pola mañá.

As persoas que se inscriban recibirán unha vez rematado o ciclo de conferencias o tradicional diploma acreditativo.

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies