Contacto | Tel.:986 88 03 00

Wanderlust Galicia-Baviera celebrará en Marín os seus 23 anos

O Museo Manuel Torres acollerá a partir do próximo 17 de setembro a “Mostra Wanderlust Galicia-Baviera”, un intercambio artístico entre a comunidade galega e o estado alemán, cuxa nova edición servirá de homenaxe a José Teijeira, o profesor que creou a ponte de unión entre Marín e a cidade alemá.

A mostra, organizada polo Concello de Marín, conta ca colaboración de institucións de ambos lugares: o Parlamento de Galicia, a Consellería de Cultura e Turismo, o Ministerio de Ciencias e Cultura de Passau, os distritos desta cidade e da Baixa Baviera, o Ateneo Santa Cecilia de Marín, a Asociación Profesional de Artistas Visuales Niederbayern e. V. e os patrocinadores para o sector de artes plásticas do distrito de Passau. O coordinador xeral da mostra é o marinense Antón Sobral, que é un dos comisarios xunto co artista de Baviera Hubert Huber.

O xermolo deste intercambio entre artistas galegos e alemáns comezou a agromar hai máis de 23 anos. Dende aquela, as obras de artistas galegos foron expostas en diferentes lugares de Baviera (Munich, Passau, Tittling, Kloster Asbach…) e, correspondentemente, as de pintores alemáns pudieron verse en puntos diversos da xeografía galega (Pontevedra, Marín, Santiago de Compostela, o Castelo de Soutomaior, a Escola de Canteiros de Poio…).

Paralelamente á actividade expositiva, os participantes do intercambio puideron gozar da experiencia de convivir no que se coñecen como residencias de artistas, tanto en Galicia como en Baviera. Por exemplo, o Kulturmodell de Passau acolleu gratuitamente durante un mes a cincuenta artistas plásticos, entre os que se atopaban o propio Antón Sobral, Enrique Velasco, Pedro Bueno, Ruth Montiel, Tino Poza, Alfonso Costa… e poetas como Yolanda Castaño ou María Lado.

Este ano, a vila marinense volve ser a escollida para albergar a nova edición da mostra, que se repartirá entre os dous puntos artísticos máis importantes da localidade: o Museo Manuel Torres e o Ateneo Santa Cecilia. Según explica Sobral, “a exposición estará constituída principalmente por artistas galegos que xa participaron dos intercambios e por outros que o farán nos próximos anos. Ademais, haberá presenza de artistas bávaros que estiveron amosando a súa obra en Galicia e que forman parte da Asociación de Artistas Bávaros”, a BBK, do que é presidente o outro comisario da mostra, Hubert Huber.

A continuación, detállase a lista dos artistas convidados nesta edición:
• Artistas galegos: Alfonso Costas, Amelia Palacios, Pedro Bueno, Álex Vázquez, Carmen Hermo, Enrique Velasco, Tino Poza, Soledad Pite, Ruth Montiel, Antón Sobral, Xosé Vázquez Castro, Maribel Longueira, Tino Canicoba, Manuel Gandullo, Jorge Valenciano, Miguel Pereira e Xulio Gil.
• Artistas de Baviera: Waltraud Danzig, Felix Klee, Helmut Maria Neuwerth, Hubert Huber, Anja Kutzki, Marl, Bernd Hubert, Stefan Meisl, Regina Schmidtmayer, Otto Müller, Verena Schönhofer, Michel Lauss, Helga Mader, Ilona Maier, Karin Hölzlwimmer e Gerhard Mader.

Unha homenaxe a Teijeira
Adicarlle esta edición da mostra ao profesor marinense non é froito da casualidade, dado que José Teijeira (Marín, 1931 – Passau, 2014) e a súa familia foron os que puxeron as primeiras pedras deste edificio artístico creado entre Marín e Baviera.
Nado na vila no 1931, licenciuose en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e exerceu como xestor administrativo en Marín e Pontevedra durante dez anos e pasou a substituír ao avogado de Estado na Delegación de Facenda de Pontevedra ata o 1968. Durante os seguintes anos, entre o 1969 e o 1971, traballa como asesor xurídico de Areas S.A., en Barcelona.


No 1972, emigra a Alemaña e traballa como profesor de español na escola de idiomas “Inlingua”, en Berlín. Durante ese tempo, coñece á que sería a súa muller, Bárbara (Sara) Miethe e nace a súa filla, Esther. Cando chega o 1979, comeza a exercer como Lector na Universidade de Passau, onde estará ata o 2010.
É nese momento, ca década dos 80 recen estreada, cando impulsa a “Universidade de Passau en Marín”, dende a súa condición de doutor en Dereito pola Freire Universität Berlín, e que consistía na celebración de cursos de verán na vila marinense. “Foi el, xunto coa súa muller e a súa filla, quen nos puxo en contacto cos artistas da BBK”, afirma Sobral. A estes cursos chegaron a acudir cerca de 1.000 alumnos durante os 30 anos que se fixeron.
A partir de entón, Teijeira seguiu tecendo un fío condutor entre Marín e Baviera. No 1988 organizou o primeiro intercambio de Boy Scouts entre as asociacións de Passau e Pontevedra e no 1989 levou de xira polo estado alemán ao grupo folclórico marinense “Os Chaneiros”. En canto os intercambios artísticos, o primeiro que se produciu foi no ano 1993.
Ademais, está considerado como un dos grandes referentes no Dereito do Traballo español e alemán comparado e asinou un intercambio de estudantes de Dereito entre as Universidades de Passau e Santiago de Compostela.
Entre algúns dos recoñecementos que Teijeira recibiu destacan a Medalla de Bronce da Xunta de Galicia (1998), a Distinción de Honra da Asociación Europaunión de Baviera (2004), a Distinción Prata da Cidade de Passau (2006) e Marinense do ano (2006). Foi, ademais, membro de honra da Facultade de Dereito da Universidade de Passsau e do Centro Galego de Nünberg (1996) e presidente do Consello Rexional da Cidadanía Española no Exterior, primeiro de Munich (2000 – 2002), e despois de toda Alemaña (2002 – 2008).

Creación dun catálogo e próxima edición
A organización da mostra puido sacar adiante este ano, grazas á colaboración do Parlamento de Galicia, un catálogo “que queda como resumo de vinte anos de convivencia creativa e humana”, afirma Sobral, e que foi deseñado por Carmen Hermo.
Segundo adianta o comisario, a primavera no ano que ven haberá unha nova edición da mostra, desta vez na galería do Castelo de Neuburg, espazo cedido polas autoridades bávaras para este fin.

INAUGURACIÓN DA MOSTRA
Martes, 17 de setembro do 2019
20.00 horas
Museo Manuel Torres – Ateneo Santa Cecilia

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies