Dúas empresas que concorreron á licitación presentaron dous recursos, que acaban de ser desestimados polo Tribunal Administrativo de Contratación, polo que se da por pechado o proceso.
Marín, 20 xaneiro 2026
Urbaser será definitivamente a empresa encargada de xestionar o servizo de recollida de residuos urbanos na vila durante os próximos 10 anos. A adxudicación consolídase despois de que o Tribunal Administrativo de Contratación desestimase os recursos presentados polas empresas FCC e Prezero, que tamén concorreron á licitación e quedaron en segunda e terceira posición.
Estas resolucións recibíronse onte no Concello e “ao ser xa definitivas e desestimar as alegacións das empresas, o proceso administrativo dáse por concluído e xa Urbaser queda adxudicada definitivamente”, explicou a edil de Medio Ambiente, Marián Sanmartín.
En conclusión, o TACGAL considera que os supostos incumprimentos sinalados polas dúas empresas nas súas alegacións non se sosteñen nin mostran indicio algún de que a oferta de Urbaser non cumprise co esixido nos pregos e, polo tanto, resultase inviable.
Melloras en todos os aspectos do contrato e 17 millóns de euros de inversión total
Este é un dos contratos máis elevados do Concello, cun custe total de 17 millóns de euros, e que imprimirá importantes melloras ao servizo:
- Aumento do 22% do salario dos traballadores
- Un aumento de case un 35% da capacidade mínima de recollida entre os colectores de todas as fraccións, chegando a case 4 millóns de litros.
- A inclusión nas illas do colector marrón, que serve para recoller en exclusiva os residuos orgánicos, deixando o clásico colector verde para a fracción resto, favorecendo unha recollida cada vez máis selectiva e que permita seguir traballando nun Marín máis verde e medioambientalmente sostible.
- Mantemento da recollida específica de enseres, que seguirá funcionando como até o de agora
- Dotación dun novo Punto Limpo Móbil, que se irá desprazando por distintos puntos do municipio e que facilitará a reciclaxe dos residuos que deben depositarse no mesmo (pilas, móbiles, baterías, cartuchos de tinta, cápsulas de café…, entre outros moitos exemplos).
- Instalación de tres novos colectores de 30 metros cúbicos para o uso das brigadas municipais e o mantemento dos colectores soterrados da Rúa do Sol.
- Aumento do número de colectores e dos horarios de recollida, incluíndo os domingos no centro urbano.