A doenza e a súa curación no tempo: temática elixida para as XXIV Xornadas Blanco Freijeiro
A doenza e a súa curación no tempo temática elixida para as XXIV Xornadas Blanco Freijeiro

A doenza e a súa curación no tempo: temática elixida para as XXIV Xornadas Blanco Freijeiro

A concelleira Beatriz Rodríguez presentou xunto ao Gonzalo Sancho, sobriño do célebre arqueólogo, presentaron a nova edición, que xa ten as inscricións abertas

Marín, 06 novembro 2025

As Xornadas Blanco Freijeiro volverán do 24 ao 28 de novembro á Biblioteca Municipal para seguir explorando quen somos a través da arte, a arqueoloxía e a historia. Esta nova edición foi presentada pola concelleira de Patrimonio, Beatriz Rodríguez, e o sobriño do célebre historiador e arqueólogo marinense, Gonzalo Sancho.

Desta vez, a temática escollida será a doenza e a súa curación, tratándoa desde unha perspectiva histórica que permita comprender os avances da medicina e as enfermidades que tiveron que enfrontar as sociedades que nos precederon. Tamén se falará da coexistencia da medicina oficial e a popular, que no medio rural mestura médicos, bruxas ou relixión. E por suposto a doenza debe tratarse non só no plano físico, senón tamén no mental, onde a cultura resulta clave para a valoración social do enfermo.

Tal e como expresou a concelleira,, “estas xornadas evidencian algo moi importante nos tempos que corren: que segue a haber interese polo estudo e a análise, pola búsqueda de respostas e polo aumento do coñecemento, porque sempre son un éxito e estou segura que así e revalidará, cun tema que ten un interese practicamente transversal a calquera ser humano”.

As inscricións xa están abertas a través do mail xornadas.blanco.freijeiro.marin@gmail.com

Programa

Luns 24/11/25. Presentación.

20:00 h. Entrega da documentación e confirmación da inscrición.

20:30 h. Presentación e inauguración das Xornadas a cargo da Concelleira de Patrimonio
Beatriz Rodríguez Gómez.

Martes 25/11/25.

“A vacinación en Galicia e a Real Expedición Filantrópica”.

20:00 h. Relator: Fernando Julio Ponte Hernando. Doutor en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi profesor de Historia da Medicina na Facultade de Medicina da USC.
Dende a medicina oficial tratará sobre unha das cuestións máis relevantes nesta disciplina: a vacinación. Nesta temática deterase nun fito da Historia da Medicina, como foi levar a principios do século XIX a vacina da varíola ao que naquel momento era a España de ultramar, nunha expedición que partiu de A Coruña.

Mércores 26/11/25.

“Os dous sistema de medicina popular”.

20:00 h. Relator: Xosé Ramón Mariño Ferro. Doutor de Antropoloxía Cultural pola Universidade Complutense de Madrid. Profesor titular de Antropoloxía Cultural da USC ata a súa xubilación.
Tratará sobre a medicina popular no rural galego, ámbito no que ata mediados do século XX funcionan tres sistemas médicos: o científico ou académico; o humoral, que curaba doenzas físicas; e o bruxeril-relixioso.

Xoves 27/11/25.

“O tema da loucura na filosofía moderna e o pensamento contemporáneo”.

20:00 h. Relator: Benito Arbaizar Gil. Doutor en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela. Catedrático de Ensino Secundario e Profesor Asociado no departamento de Filosofía e Antropoloxía da USC.

Percorrido dende o século XVII ata o presente sobre o concepto da loucura, que non é algo obxectivo e inmutable e que depende de como o conciba a sociedade en cada época.

Venres 28/11/25.

“Arqueoloxía da saúde, enfermidade e curación en Galicia”.

20:00 h. Relatora: Olalla López Costas. Doutora en Antropoloxía Física e Forense pola Universidade de Granada. Profesora da área de Arqueoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Profesora no Department of Archaeology and Classical Studies da Universidade de Estocolmo.
A partires do estudo dos restos óseos de época romana e medieval é posible reconstruír o estilo de vida desas épocas, e coñecer as enfermidades que existiron nesas sociedades e os tratamentos que se aplicaron.

21:30 h. Clausura e entrega de diplomas de asistencia, a cargo da Alcaldesa de Marín María Ramallo Vázquez.

Domingo 30/11/25.
“Obradoiro de plantas medicinais”. Museo Municipal Manuel Torres, Avenida de Ourense 3.

11:30 h. Relator: Francisco Javier Silva Pando. Doutor en Bioloxía pola Universidade Complutense de Madrid. Xefe do Departamento de Ecoloxía do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán ata a súa recente xubilación.

Lugar de celebración: Biblioteca Municipal “Vidal Pazos”, Avenida de Ourense 6, 36900 Marín. Información e inscrición (gratuíta): xornadas.blanco.freijeiro.marin@gmail.com

Anterior Os novos parterres da Avenida de Ourense florecen con máis de 1.000 plantas

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados