Marín, 20 xaneiro 2026
O Museo Torres acollerá este venres ás 19.30 horas a presentación do libro “Anaquiños”, a ópera prima da marinense Raquel Catalán (Marín, 2005), unha colección de cartas dirixidas a entes subxectivos: ideas abstractas, emocións, conceptos universais e mesmo entidades invisibles que nos condicionan na vida cotiá.
A través destas, o texto explora temas como a vida, Galicia, o destino, a inspiración e o vínculo humano co inmaterial. As cartas, escritas cun ton íntimo e reflexivo, mesturan filosofía, literatura e emoción, ofrecendo ao lector unha experiencia única e suxestiva.
Sobre a autora
Raquel Catalán Rodríguez, é unha apaixoada da literatura e a escritura dende a infancia, atopando nas palabras unha forma de expresar sentimentos e contar historias.
Actualmente está formándose como filóloga clásica e teórica literaria-comparatista na USC, combinando o seu amor polas linguas antigas coa creación literaria.
“Anaquiños” é a súa primeira obra de todos os proxectos que ten no tinteiro. Cando non está escribindo, desfruta da actuación e valora todos os momentos compartidos coa familia e as amizades.