A Xunta achegará 200.000 euros para habilitar un centro de día no primeiro andar da Casa do Mar de Marín

A Xunta achegará 200.000 euros para habilitar un centro de día no primeiro andar da Casa do Mar de Marín

A Xunta de Galicia achegará 200.000 euros para acondicionar o primeiro andar da Casa do Mar de Marín como centro de día para os maiores da localidade. Así o avanzou a conselleira de Política Social, Fabiola García, que visitou hoxe as instalacións do futuro recurso xunto á alcaldesa, María Ramallo.

Fabiola García sinalou que esta achega provén dun acordo entre o Goberno galego e o Concello de Marín para mellorar os servizos de atención ás persoas maiores do municipio. Unha colaboración que se formalizará coa sinatura dun convenio nas vindeiras semanas.

Pola súa banda, o Concello será quen execute as obras de acondicionamento do primeiro andar deste edificio. As actuacións previstas inclúen dotar ao centro dunha ampla sala de usos múltiples, así como doutras dependencias: un espazo de rehabilitación, outro para o lecer, cociña e lavandería. O custe total da adecuación do inmoble actual como centro de día ascenderá a 300.000 euros.

Así mesmo, prevese que a redacción do proxecto de remodelación estea rematado nas próximas semanas para poder comezar o antes posible coas obras e poñer en funcionamento o servizo, se as condicións o permiten, o próximo ano.

Rede de servizos sociais
A conselleira destacou o compromiso da Xunta de Galicia co benestar das veciñas e veciños deste municipio, sexan maiores ou pequenos. Neste sentido subliñou que este novo recurso sumarase á rede de servizos sociais de carácter autonómico conformada na zona, a poucos metros deste futuro centro de día: a escola infantil emprazada no baixo do edificio, o centro sociocomunitario e a residencia de maiores, que presta o seu servizo no edificio contiguo á Casa do Mar.

Ademais, salientou o importante papel da coordinación entre administracións para garantir os mellores servizos á veciñanza. Unha colaboración fundamental para acadar o novo obxectivo marcado polo Goberno galego de chegar aos 65.000 dependentes atendidos en Galicia antes de que remate o ano.

Anterior Aberta a tempada de furanchos e o prazo de solicitudes para a súa apertura

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados