O Concello de Marín segue traballando para facer do San Xoán unha festa segura e na que a hostalaría do municipio tamén poida reactivar a súa economía. Deste xeito, abre o prazo para que os locais poidan solicitar a instalación dun asador no exterior dos establecementos, para poder así despachar comida entre os veciños e veciñas.
Para iso, deberá presentarse por rexistro unha solicitude na que se indiquen datos do establecemento e da persoa responsable, así como a ubicación na que se quere instalar o asador. Terán como prazo máximo até o luns. Deberán cumprirse unha serie de condicións, que, de incumprirse, levarán ao Concello a denegar a solicitude.
Condicións:
– Deberán solicitar ao Concello o uso do espazo da vía pública para a colocación do asador correspondente
– Este asador terá que estar perfectamente delimitado e deberá ser utilizado por unha soa persoa, sen permitirlle a ninguén o paso á zona do mesmo, a excepción do persoal de servizo do establecemento
– Deberán utilizarse depósitos de lixo nas inmediacións do asador, facéndose responsable cada establecemento do baleirado dos mesmos nos colectores correspondentes
– Ao finalizar o evento, o espazo utilizado terá que quedar en perfectas condicións de hixiene e libre de refugallos de calquera tipo
– Os establecementos que o desexen, poderán acender lume, mais deberán facelo constar na solicitude
– O lume será acendido no espazo acotado pola Administración local
– Quedará prohibido facer lume baixo toldos, instalacións eléctricas ou calquera outro elementos suceptible de incendiarse
– O lume terá que estar perfectamente illado en tres das catro caras do espazo no que está contido, de tal xeito que na parte exterior non se poidan producir queimaduras a terceiros
– A zona na que se realizará o lume deberá ter un extintor de 6 quilos e de eficacia 21ª-113B
– A persoa que realiza a solicitude será a responsable de manter a zona utilizada en perfecto estado de uso e de limpieza, sendo responsable tamén de que todo quede recollido e en óptimo estado durante a recollida das instalacións
– En todo caso, o mércores 24 de xuño, antes das 10.00 horas, o espazo asignado terá que estar despexado de todo material utilizado no evento, limpo e desinfectado, deixándoo nas mesmas condición nas que se atopaba antes do evento
– Tanto no interior do local coma na zona do asador deberán respectarse as condición hixiénico-sanitarias establecidas no Decreto da Nova Normalidade en vigor a partir do 15 de xuño de 2020, especialmente no relativo a porcentaxes de ocupación, distanciamento físico, aforo, medidas de hixiene…