Actívase o control de aforo nas praias de Marín para garantir un turismo costeiro seguro

Actívase o control de aforo nas praias de Marín para garantir un turismo costeiro seguro

A presente actuación enmárcase dentro da liña de actuación 2 “converter progresivamente o concello de marín nun territorio smart, centrado na movilidad smart e turismo smart” da estratexia de desenvolvemento urbano sostible integrado ( EDUSI) do concello de marín, marín 2020, cofinanciada pola unión europea a través do fondo europeo de desenvolvemento rexional (feder) cunha taxa de cofinanciamento do 80%, no marco do eixo 12 do programa operativo plurirregional de españa 2014-2020.

A nova normalidade derivada da crise sanitaria da Covid19 obriga aos concellos a tomar medidas de control dos aforos naqueles espazos nos que poden darse aglomeracións. Desde o primeiro momento, o Concello de Marín traballou para atopar o mellor xeito de realizar un control real, efectivo e útil para a cidadanía dos aforos das praias, unha xoia natural que nos distingue como municipio e que supón un importante atractivo turístico.
Despois de diversas opcións baralladas, o mellor sistema posible foi o desenvolvido pola empresa marinense Sitrav, cuxo director, Jorge Cajiao, presentou esta mañá nunha rolda de prensa que tivo lugar no Concello, e na que estivo acompañado polos concelleiros Manuel Santos, Marián Sanmartín e Cristina Acuña, así como polo xefe da Policía Local, Benigno Blanco.
“Cando comezamos a traballar para cumprir coa nosa obrigación do control do aforo vimos que non era unha cuestión sinxela”, asegurou o concelleiro Santos. “Quixemos ir un pouco máis alá dos sistemas que nos presentaban”, polo que, despois de encargar unha primeira medición do aforo de Portocelo, Mogor, Aguete e Loira, “que son os areais que máis afluencia teñen”, buscouse o mellor sistema de conteo de usuarios.
Segundo explicou Cajiao, o sistema baséase na visión artificial, é dicir, na intelixencia artificial e en equipos de IOT, “o que comunmente é coñecido como o Internet das cousas”. Con este sistema, conséguese medir o número de persoas que hai en tempo real na praia, facendo unha compartimentación do areal en zonas e calculando o total.
Estes datos envíanse a un servidor do que despois extráense as porcentaxes coas que se activan os catro niveis do semáforo virtual dispoñible para a cidadanía en xeral. Eses catro niveis (baixo – cor verde, medio – cor amarela, alto – cor laranxa, completo – cor vermella) indican como está a praia de xeito xeral e tamén crean “unha especia de mapa de calor”, que incluso permitirá ao usuario coñecer en que zona da praia pode atopar máis espazo para ubicarse.
Frente a outras posibles tecnoloxías, Jorge asegurou esta mañá “que con este temos unha maior eficacia e precisión na xeración dos datos, para optimizar o aforo, controlándoo de xeito real”. De feito, a tecnoloxía empregada é ML Machine learning, é dicir, “que vai xerando modelos de predición”.
Isto é especialmente interesante de cara ao traballo da Policía Local, dado que “poderemos prever, coñecendo a situación meteorolóxica, os patróns de afluencia de xente ás praias, a hora e o día da semana que é, se se pode dar unha situación de saturación”.
Esta información meteorolóxica tamén poderá ser consultada en tempo real polos usuarios, no mesmo espazo do semáforo, grazas á colaboración con Meteogalicia que se estableceu.

Como consultar o semáforo
O semáforo poderá consultarse en tempo real (os datos actualízanse cada 30 segundos) na páxina web do Concello e nas redes sociais, onde haberá unha publicación destacada fácil de atopar.
Ademais, “elaboramos unha aplicación para os móbiles que sexa cómoda e rápida”, asegurou o responsable da empresa. Esta app xa está elaborada pero aínda está pendente das validacións de IOS, para a versión de Apple, e de Android, polo que previsiblemente poderá comezar a descargarse nuns días.
Máis alá diso, o Concello adiantou dúas novidades que virán a reforzar a comunicación do aforo. Por unha banda, instalaranse durante a próxima semana semáforos físicos nos propios areais, que replicarán os datos que se poderán consultar no semáforo online.
Por outra, está prevista a instalación dunha pantalla LED nas inmediacións da marquesiña da Praza de España na que tamén se reflicta a información das praias, “algo que permitirá tamén calmar o tráfico, grazas a poder consultar esa información antes de chegar ao viario de praias”.
A instalación desta pantalla realizarase, máis ou menos, en torno a dentro de dez días.

Coordinación entre Policía Local e servizo de socorrismo
“Esperamos non ter que chegar a ese punto, pero no caso de que o semáforo marque completo nunha praia, teremos que pechala”, explicou o concelleiro Manuel Santos durante a rolda de prensa. Para iso, contarase coa estreita colaboración da Policía Local, que segundo informou o seu xefe, Benigno Blanco, “contamos cunha patrulla específica para as praias entre xullo e agosto”.
Así a todo, Blanco precisou que non se trata de clausurar o areal, “senón de facer un control de entrada, de tal xeito que a medida que fosen saíndo persoas, puideran entrar outras novas”. Ademais, ao contar con ese mapa de calor por zonas, pode haber momentos nos que se teña que clausurar unha zona pero non todo o areal.

Outras medidas
O sistema de conteo informatizado é a medida máis ambiciosa impulsada polo Goberno local para poder contar cunhas praias seguras en todo momento, pero non é a única.
Cada areal conta con vinilos informativos dos aforos máximos e das medidas de prevención e seguridade que deben cumprir os usuarios en todo momento para evitar contaxios e cumprir coas esixencias do decreto da nova normalidade vixente na nosa comunidade.
A estas mensaxes visuais, impresas en lonas, sumaranse as auditivas, xa que haberá servizo de megafonía no que se recorden todas estas medidas de prevención e hixiene.
Por outra banda, coa finalidade de reducir ao mínimo o risco de contaxio, estarán clausuradas as duchas, os aseos e os lavapés e tampouco poderán utilizarse as papeleiras, tendo que tirar o lixo nos colectores do viario de praias.
Finalmente e para controlar os momentos de maior afluencia, este ano o Concello decidiu non tramitar a dotación de parcelas para aparcadoiro extra por parte de particulares.

Anterior O Concello de Marín solicita a subvención para o fomento da contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados