7 xuño 2021
A praia de Mogor volveu ser o escenario das probas físicas realizadas aos aspirantes a ocupar os 21 postos de socorrismo que se ofertan nos areias de Marín para garantir a seguridade dos bañistas durante este verán.
A concelleira de Turismo, Cristina Acuña, acudiu ata o areal para comprobar o bo proceder das probas, ás que se presentaron sobre 36 aspirantes, o que supón, en palabras da concelleira, “unha moi boa cifra de participación”.
Os aspirantes tiveron que realizar 250 metros de nado libre e unha carreira de 100 metros polo areal. A maiores, realizaron outra teórica, que consistirá na resolución dun cuestionario tipo test de 20 preguntas. Nas bases poden consultarse os temarios a tratar.
Unhas praias seguras e con servizos de calidade
A dotación de socorristas para os areias de Marín é un dos servizos que promoven unha boa distinción das nosas praias, que contan co distintivo de Bandeira Azul. Ademais, tal e como xa explicara a concelleira de Turismo, volven estar dispoñibles os lavapés e as duchas.
Ademais, acaba de rematarse o desbroce de todo o Vial de Praias e a limpeza de todas as areas. O que xa non se reporán serán as papeleiras, xa que foi unha práctica ben avaliada pola Adeac e que virá acompañada dun reforzo dos colectores de recollida separativa.