Seis colectores con sistema de chave servirán para testar o novo servizo antes da súa extensión municipal.
Marín, 03 decembro 2025
O Concello de Marín porá en marcha ao longo deste mes unha proba piloto do colector marrón, destinado á recollida selectiva dos residuos orgánicos, un dos cambios máis relevantes incluídos no novo contrato de residuos sólidos urbanos recentemente adxudicado.
Esta proba desenvolverase antes da colocación dos 80 novos colectores marrón previstos no contrato e que, unha vez instalados, estarán abertos ao uso de toda a cidadanía. O obxectivo é testar o sistema, avaliar os volumes que se xeran e garantir que a separación e clasificación dos biorresiduos se realiza correctamente.
Proba piloto con hostalaría e comedores
Nunha primeira fase, a experiencia centrarase nos establecementos de hostalaría e comedores colectivos, sectores que xeran unha maior cantidade de residuos orgánicos e que permiten obter datos representativos. Participarán mediante un sistema de chave previamente acordado co Concello, facilitando así un control preciso do uso e da correcta separación.
Instalaranse seis colectores situados na Avenida de Ourense e na Rúa Ezequiel Massoni, principalmente. A participación destes establecementos permitirá avaliar non só a cantidade total de biorresiduos xerados, senón tamén o grao de pureza da fracción orgánica, un aspecto esencial para o posterior tratamento e compostaxe.
Cara á implantación xeral para toda a veciñanza
Unha vez rematada a proba piloto e cheguen os novos colectores incluídos no contrato, o servizo ampliará o seu funcionamento ao conxunto do municipio. Desta maneira, toda a cidadanía poderá separar os seus residuos orgánicos no colector marrón, completando así o modelo de recollida selectiva e contribuíndo ao cumprimento das directivas ambientais europeas, que esixen a separación da fracción orgánica en todos os municipios.
A implantación do colector marrón é un dos avances máis destacados do novo contrato de recollida de residuos, que supón un investimento estratéxico para modernizar o servizo, mellorar a recollida selectiva e avanzar cara a un Marín máis sostible.