Convenio para a xestión da escola infantil de Seixo.

Convenio para a xestión da escola infantil de Seixo.

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo esta mañá no seu despacho de San Caetano un encontro de traballo coa alcaldesa de Marín, María Ramallo Vázquez, na que se abordaron os programas e liñas de traballo que manteñen ambas administracións e, ademais, formalizouse o convenio de colaboración para a xestión e financiamento da escola infantil do Seixo, que entrou en funcionamento o pasado mes de setembro e que a día de hoxe ten matriculados a 40 nenos e nenas de 0 a 3 anos. Cómpre salientar que este convenio enmárcase no acordo marco que a Xunta alcanzou cos concellos a través da Fegamp para a xestión compartida das escolas infantís e centros de día que se prestan no ámbito local por parte do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Así mesmo, o mandatario autonómico e a rexedora fixeron un repaso doutros equipamentos e servizos sociais cos que conta o municipio pontevedrés e nos que participa a Xunta de Galicia. Neste sentido, Política Social realizou obras de mantemento e mellora noutras dúas escolas infantís –a da Casa do Mar e a de San Pedro-, así como na Residencia de Maiores. En total, investíronse 154.000 euros nestes tres centros con cargo ao plan de cumprimento de déficit.

En canto á atención aos maiores e persoas dependentes, Rey Varela destacou o considerable aumento no número de horas do Servizo de Atención ao Fogar (SAF) cunha subida de 5.616 horas anuais, o que permite superar as 35.700 anuais e situar a ratio de atención a dependentes no contorno familiar por riba do 95%. A esta mellora hai que engadir o incremento en 10 novas prazas de atención asistencial a persoas con alzhéimer, que reciben os coidados na unidade situada na Casa do Mar.

Por último, a conselleira e a alcaldesa analizaron a posibilidade de ampliar os usos sociosanitarios da Casa do Mar, para o que primeiramente cómpre a cesión de espazos cuxa xestión corresponde na actualidade á Administración xeral do Estado. A intención da Xunta e do Concello é darlle novos usos ao inmoble relacionados coa atención a dependentes.

Anterior Programa Entroido 2017.

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados