CULTURA CASTREXA

CULTURA CASTREXA

A cultura castrexa abrangue en Galicia un longo período de tempo que vai dende a Idade do Ferro (S.VI a.C.) ata o S. VI d.C.

En palabras de Florentino Cuevillas os Castros serían “Recintos fortificados de forma oval ou circular, provistos de un ou varios muros concéntricos, precedidos do seu correspondente foxo, e situados, os máis deles no cume de outeiros e montañas”

Dende antigo sostívose que os habitantes dos castros foron os celtas, pobo procedente das beiras do Caspio e do Cáucaso, e que nos trouxeron a técnica do ferro, mito este do celtismo que atopou grandes defensores en Murguía e nos historiadores da súa xeración. Hoxe xa non debemos manter a exclusividade celta da poboación castrexa, e habería que considerala como froito dunha mestura racial entre o elemento autóctono e os recen chegados celtas.

En Marín temos castros en A Subidá (Sete Espadas – Mogor), Castelo Barbudo (Pardavila-San Xulián), o Castelo (Ardán), e posibles asentamentos castrexos en Pedreiras (O Campo), Penizas (Currás), Sobareiro (Loira), e Castro (Seixo).

De todos eles destacaremos o de A Subidá, que pasa por ser o mellor conservado a pesares das múltiples agresións que sufriu.

Trátase dun asentamento castrexo bastante romanizado e que poderiamos situar entre os séculos I ó IV d.C, cunha economía baseada nunha forte base agrícola e gandeira complementada pola caza, pesca e o marisqueo. A finais do S. XIX conservaba partes aínda do seu dobre recinto amurallado, e a principios do S:XX aínda se tiñan en pé algunhas das vivendas circulares.

A riqueza de materiais era tanta que practicamente non facía falla nin escavar para atopar restos.
Moitos destes restos atópanse hoxe no Museo Provincial de Pontevedra, pero doutros moitos, froito das escavacións furtivas e incontroladas, nunca máis se soubo.

Anterior MEGALITISMO

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados