O Concello fai público o balance de todos os programas e axudas que se xestionan, como as bonificacións de taxas, os programas de apoio á dependencia, o SAF ou a teleasistencia municipal
Marín, 26 xaneiro 2026
A atención ás persoas a través do departamento de Servizos Sociais é unha gran prioridade para o Concello, onde calquera persoa que o precise ten que poder ser sostida polo sistema de prestación social municipal, a través das distintas axudas e programas que están activos.
Durante o ano 2025, o equipo de traballo de Servizos Sociais, conformado por dúas traballadoras sociais, unha educadora familiar e unha administrativa, atenderon a máis de 2.600 persoas para as distintas xestións que se realizan e canalizan a través deste departamento.
Entre as prestacións máis tramitadas está a da bonificación da taxa de auga, lixo e sumidoiro, da que se beneficiaron o ano pasado 153 familias con escasos recursos económicos. Outras 86 participaron do Banco de Alimentos e en total tramitáronse 338 solicitudes da valoración do grao de dependencia e 153 de discapacidade, entre outros trámites.
Outro dos programas que está a funcionar moi ben é o de Respiro Familiar, consistente nunha axuda económica destinada aos custes dos coidados de persoas dependentes, da que se benefician 28 persoas na nosa vila. E 31 puideron acceder ás axudas de inclusión social, pensadas para sufragar gastos urxentes e extraordinarios de vivenda ou de carácter social. No caso do Bono Alugueiro Social chegou a 25 persoas.
No que respecta á Renda de Inclusión Social de Galicia, foron 75 as familias beneficiarias. Esta prestación pública está destinada a garantir recursos económicos de subsistencia a aquelas persoas que carezan deles.
Tamén hai persoas usuarias doutros dous programas autonómicos, o de Xantar na Casa, que conta con 17 persoas inscritas, e o de Xuntos polo Nadal, que chegou a 10 persoas maiores que recibiron acompañamento durante unhas datas tan sinaladas.
Programas propios do municipio
Durante todo o pasado ano, 50 familias uníronse ao servizo de educación e apoio familiar polo que se dá orientación para a mediación de conflictos familiares e a mellora da convivencia en casos de menores en situación de vulnerabilidade ou crise.
Por outro lado, o Servizo de Axuda no Fogar, un dos recursos máis importantes a nivel local, chegou a 101 persoas e seguirá sendo un gran piar de axuda e conciliación nos casos de persoas dependentes.
E hai 40 persoas que contan con seguemento diario a través do servizo de Teleasistencia Municipal, que permite contar con axuda inmediata as 24 horas pulsando un botonciño.
Ademais, están a funcionar moi ben os programas de prevención e apoio como a Unidade Terapéutica para persoas con Alzheimer ou os espazos de Vida Activa e Envellecemento Activo, que ofrecen obradoiros e recursos constantes