O Goberno local segue traballando na mellora do espazo urbano de todo o municipio, tratando de dotar de novas infraestruturas viarias e mobiliario urbano a aquelas zonas que estean máis castigadas polo paso do tempo e que precisan dunha renovación integral para o goce dos veciños.
Hai uns días, a alcaldesa, María Ramallo, anunciaba unha actuación destas características no centro da vila, concretamente na Rúa Estrada, que se acometerá ao longo do ano e que mellorará a estrutura deste viario, dándolle prioridade aos peóns.
Pero o ano 2020 tamén traerá novidades neste aspecto para a parroquia de Seixo, especialmente para a Rúa Camiño Vello, que ao longo deste exercicio será tamén humanizada, tal e como informou hoxe o Goberno municipal.
O proxecto de humanización afectará ao tramo comprendido entre a rúa Doctor Otero Ulloa (estrada PO-551) e o cruce coa Estrada O Grupo Escolar de Seixo, de tal maneira que esta mellora da contorna suporá unha continuidade da actuación que xa se realizou desde este cruce ate a estrada provincial EP-1202.
As razóns para acometer esta obra son evidentes. Por unha banda, o actual deseño da rúa provoca conflitos cando dous vehículos se cruzan e hai outros estacionados, xa que a amplitude do viario non permite o paso simultáneo de ambos coches.
O problema é similar no caso das beirarrúas, cuxa anchura actual, de entre 1.60 e 1.68 metros, non é dabondo para a comodidade dos peóns. Ademais, o deterioro do pavimento supón incluso un perigo polas posibles caídas e tropezos, polo que é inminente a súa reparación.
Por outra banda, os servizos de abastecemento atópanse en “moi mal estado de conservación”, xerando incluso problemas á veciñanza polas roturas e avarías que se xeran consecuencia desta situación.
Así, con esta actuación preténdense corrixir estas medidas, aumentando as beirrarúas ata uns 2.50 metros (dependendo nalgúns puntos das fachadas dos edificios anexos). No que respecta á calzada, quedará un carril de 3.50 metros de amplitude, de único sentido desde a Rúa Doutor Ulloa ata o Mercado.
Para o estacionamento, deixarase á beira de toda a marxe dereita do viario un espazo de máis de 2 metros. Asemade, eliminarase a illa existente no inicio do tramo, fronte á Igrexa Evanxélica, para poder ampliar nese punto tamén as beirarrúas, incorporando un paso de peóns.
Mellora de servizos
Con esta actuación non só se humanizará o aspecto estético do viario e se reordenará o tráfico, para evitar problemas de espazo, senón que tamén se renovarán os servizos de saneamento de augas pluviais, residuais e de abastecemento.
Segundo se pode ler na memoria do proxecto, estas redes, xa moi antigas, presentaban “graves deterioracións” e “problemas de funcionamento constantes”, que producían frecuentes roturas, “cas repercusións que isto supón para a veciñanza desta rúa”.
Alumeado eficiente e soterramento do poste eléctrico
Finalmente, o proxecto da Rúa Camiño Vello incorpora a renovación total do alumeado deste tramo, que será do mesmo modelo que existe no outro tramo anexo e que cumprirá cos criterios de eficiencia enerxética.
Por outra banda, retirarase o poste co cableado aéreo da compañía de telecomunicacións Telefónica de España, que está situado na marxe dereita da esquina entre Camiño Vello e Estrada O Grupo Escolar.
Prazos e financiamento
O proxecto terá un prazo de execución de catro meses, a contar desde o momento que se adxudiquen os traballos.
O presuposto global da actuación ascende a 499.748,55 euros. O Concello ten pensado solicitar á Deputación de Pontevedra unha subvención para este fin, ao abeiro do Plan Concellos 2020.