O Maio Landeiras: unha tradición viva feita con mimo, comunidade e ilusión
Maio Landeiras

O Maio Landeiras: unha tradición viva feita con mimo, comunidade e ilusión

A celebración do Maio Landeiras é unha das máis antigas de Marín, con preto de
45 anos de historia ininterrompida. Esta tradición, herdada de xeracións anteriores, mantense viva grazas ao esforzo dun grupo reducido pero comprometido de persoas, especialmente da infancia, auténticos protagonistas desta celebración grazas a sua ilusión, e do núcleo de veciñanza que se resiste a deixar caer unha das festas máis representativas da primavera.

Unha tradición que require dedicación

Antes, a participación era moito maior: había máis nenos, máis tempo e máis ilusión. Hoxe en día, o proceso resulta máis custoso, xa que a deixa de xer a prioridade para a xente, polo que o número de participantes reduciuse. Con todo, segue sendo unha cita sinalada para moitas familias. A preparación do Maio comeza nas semanas previas, normalmente desde Semana Santa, cun pequeno grupo que se encarga de idear o deseño, elaborar as coplas e empezar a pensar na estrutura.
A maior parte do traballo material realízase na véspera, aínda que antes os ensaios comezaban cun mes de antelación. Na actualidade, as coreografías e a preparación artística danse nas dúas semanas previas, e o tempo dedícase sobre todo á construción da coroa, xa que os prazos son máis axustados.

A estrutura: do fiuncho á espadena

O Maio Landeiras elabórase con técnicas tradicionais e manuais, afastadas de métodos modernos como as coronas soldadas. Todo se fai a man, con agullas e pequenos alfileres. A estrutura componse de dúas partes principais:
A parte inferior, o Maio en si, vístese de verde con fiúncho e espadena, que se recolle e deixa en auga o día anterior para facilitar o seu cosido.

● A parte superior, a coroa, constrúese con alambre en dúas dimensións, e os nenos axudan debuxándoa no chan para tomar medidas. As flores máis utilizadas son o pampullo amarelo (silvestre) e a margarida branca, pola súa resistencia e abundancia.

Unha vez cuberta a estrutura, iníciase a decoración, que cambia cada ano segundo a temática escollida. Así, houbo Maios inspirados no mundo mariñeiro, nas aves, en gaiteiros tradicionais ou incluso volvoretas. Todo se adapta ao que hai dispoñible, nun exercicio de creatividade libre.

Tamén se constrúe un “maio pequerriño”, para que os nenos máis pequenos (desde 4 anos) poidan participar levando a súa propia estrutura, xa que os Maios tradicionais requiren moita forza física para seren transportados.

O grupo humano: varias xeracións unidas

Na elaboración do Maio Landeiras participan arredor de:

10-11 nenos, dos cales uns 6 son maiores e colaboran de xeito máis activo

6 adultos de mediana idade, que son os que tiran do carro e realizan os traballos máis duros

● 8 persoas maiores, que axudan sobre todo na recollida e cosido da flor, evitando estar moito tempo de pé

A persoa que lidera o grupo leva dende nena participando, e hoxe, con 40 anos, é das máis novas daquel grupo inicial. O espírito do Maio mantense grazas á enerxía dos cativos e ao compromiso das persoas adultas que seguen a priorizar esta tradición fronte a outras actividades da fin de semana.

Música e coplas: tradición con mensaxe

A música que acompaña ao Maio é tradicional e fiel ás melodías máis antigas. Desde os anos 50 cara adiante, só se conservaron dúas melodías tradicionais que son sempre as mesmas, das que parten as coplas, as cales esas si cambian cada ano. As formas métricas son sempre as mesmas, pero as letras renovanse, mantendo o espírito de crítica social, ben sexa local ou máis ampla.
As coplas tamén inclúen unha parte dedicada á natureza, e este ano, reflexionan sobre a exclusión que sofre o grupo por non acadar a altura mínima requirida para concursar. A mensaxe é clara: non importa o tamaño do Maio, senón o feito de manter viva a tradición. Ademais, critícase que non se permita cantar a persoas maiores, cando o importante é participar e transmitir o legado cultural.

Máis ca unha festa: un encontro sen pantallas

O Maio Landeiras é, para quen o mantén, moito máis ca unha actividade festiva. É unha oportunidade para reunirse, rir, falar, compartir tempo sen pantallas, rodeados de nenos, amigos, cans e gatos. É unha tradición, que entre os participantes son xa case coma familia, un evento que reconforta e fai ver que, malia os atrancos, paga a pena seguir loitando por manter vivas as raíces.

Maio Landeiras
Maio Landeiras
Maio Landeiras
Maio Landeiras
Anterior A véspera do Día do Carme xa ten banda sonora: o Concello anuncia o concerto de Camela

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados