09 xuño 2021
A crise sanitara supuxo un importante aumento das inversións a realizar por parte das entidades locais, como o Concello de Marín, que vén realizando un importante esforzo de xestión económica para poder facer fronte a moitos dos gastos sobrevidos e, sobre todo, para poder continuar coa prestación de servizos públicos de calidade e a consecución de obras públicas.
Ante esta situación, o Concello usará parte do seu remanente de Tesourería para avanzar na consecución de importantes proxectos. O Pleno da Corporación tratará esta inversión de maneira global, que ascende a 877.135,02 euros, que se repartirán da seguinte maneira:
A) Colector de augas residuais entre os núcleos de Pastoriza e Picotes – 199. 985,71 €
Tal e como explica o Concello, a depuradora de Pastoriza leva tempo arrastrando unha serie de problemas que fan “necesario e moi urxente” esta obra de saneamento, que supón a única alternativa para este núcleo, que así será conectado á rede xeral.
Esta actuación segue a liña da mellora do saneamento en todo o municipio. Nos últimos anos, son numerosos os proxectos de renovación que se levaron a cabo tanto no rural como no casco urbano, aproveitando humanizacións, e é especialmente relevante a posta en funcionamento do novo colector da Avenida de Ourense, esencial para evitar verquidos indesexados á ría.
B) Rede de abastecemento no núcleo de Bexe – 161.962,12 €
Trátase, igual ca no caso anterior, dun gasto que non entende de demoras debido ás dificultades que se producen na subministración deste servizo. De novo, a extensión do núcleo á rede comunitaria permitirá subsanar as situacións de escaseza.
C) Demolición do antigo Mercado de Cantodarea e acondicionamento do solar – 138.230,34 €euros
Cantodarea poderá dicir adeus a un dos históricos inmobles sen uso para poder dar a benvida a una nova praza que permita crear un espazo para o goce da cidadanía. A demolición do Antigo Mercado é precisa polo enorme deterioro que presenta a infraestrutura e suporá o adecentamento e a limpeza da zona, non só por cuestións estéticas, senón tamén de salubridade.
D) Creación dun centro de ocio xuvenil e centralización do arquivo municipal no antigo Liceo Casino – 376.956,85 €
A mocidade precisa de espazos adicados ao seu ocio e á súa capacidade de aprendizaxe na nosa vila. Ese é o carácter que marcará o novo Centro de Ocio xuvenil que se proxecta para o antigo Liceo Casino, adquirido polo Concello e no que se precisa realizar unha obra de reforma. Nese inmoble, ademais, habilitarase un arquivo municipal centralizado na planta baixa.