O Concello fixará a data de inauguración en canto se remate e cando se conecte o subministro eléctrico, para despois concretar que día se celebrará a Gala do Deporte
Marín, 22 febreiro 2026
A Fervenza de Neiboo foi o escenario escollido para a presentación oficial da XI Andaina Montes e Praias de Marín, nun acto no que participaron a concelleira de Turismo, Cristina Acuña; José Gil; voluntarias da AECC de Marín; e o vicepresidente da Federación Española de Montañismo. A proba consolídase na liña dos últimos anos, combinando deporte, natureza e solidariedade.
A edición deste ano volverá contar con dúas modalidades adaptadas a distintos niveis de preparación:
- Andaina de 15 quilómetros, cun percorrido máis sinxelo e accesible, pensado para que poida participar toda a familia.
- Andaina de 25 quilómetros, integrada na Liga Galega de Andainas, cun trazado máis esixente dirixido a persoas preparadas e habituadas a longas distancias.
Ambas rutas compartirán o primeiro tramo, correspondente á coñecida ruta dos cinco miradoiros, un dos grandes atractivos paisaxísticos do municipio.
Percorrido da andaina de 15K
A modalidade curta permitirá descubrir todos os miradoiros, introducindo pequenas variacións no trazado para facelo máis accesible. O itinerario pasará por puntos emblemáticos como Mogor, o Cruceiro do Vento, o Castro da Subidá, Pardavila, os Montes de San Xulián e o río Lameiriña, ofrecendo unha combinación de mar e monte característica do territorio.
Percorrido da andaina de 25K
A proba longa, cun maior nivel de dificultade, desviará o seu trazado en Pardavila para ascender cara ao lago e continuar polo Alto do Pedrouso e as vistas sobre a ría. Desde alí, o percorrido levará ás Fervenzas de Neiboo a través do bosque, continuando cara ao Chan de Armada, en Xaxán, unha das carballeiras máis importantes do Morrazo.
O regreso realizarase por Lagocheiras, Cotorredondo e Castiñeiras, antes de descender de novo cara ao núcleo urbano de Marín.
Natureza sen asfalto
Un dos aspectos máis destacados desta edición é que a andaina contará cunha tirada de arredor de 18 quilómetros íntegros por monte, sen tocar practicamente o asfalto, reforzando o carácter natural e paisaxístico da proba.
A XI Andaina Montes e Praias reafírmase así como unha cita consolidada no calendario deportivo e turístico de Marín, promovendo hábitos saudables, a posta en valor do patrimonio natural e a colaboración co tecido asociativo local.
Apenas quedan prazas, polo que anímase ás persoas interesadas a que se inscriban canto antes. Toda a recadación será íntegra en favor da AECC de Marín.