Marín converterase nun museo a ceo aberto

Marín converterase nun museo a ceo aberto

20 outubro 2022

Reivindicar o papel das mulleres artistas no mundo da arte e visibilizar a loita contra a violencia de xénero e a necesidade do feminismo na sociedad actual. Eses son os puntais sobre os que se sustenta a exposición “Compartir é vivir”, unha novidosa iniciativa artística que chegará a Marín para encher o espazo urbano de arte, perspectiva de xénero e modernidade.

As concelleiras Itziar Álvarez e Marián Sanmartín reuníronse coas comisarias desta mostra, Yolanda Herranz e Celeste Garrido, que se comporá de 15 obras, 14 de mulleres e unha dun home, nas que se reivindica o espazo feminino na arte.

Parte das participantes son do Colectiva Portal de Igualdade, unha entidade que naceu co obxectivo de fomentar a igualdade real nas programacións museísticas, así como para promover unha maior representación das mulleres nas áreas de xestión artística.

Entre os nomes das participantes, destaca a presenza das Guerrilla Girls, un colectivo anónimo de artistas que naceu en 1985 en Nova Iorque e que adaptou ás dimensións dos nosos mupis e ao castelán a súa peza máis emblemática: “¿Tienen que estar desnudas las mujeres para entrar en la MET?”. Con esta peza irromperon no Museo Metropolitano da cidade naquel ano para denunciar que as únicas mulleres que estaban representadas no Museo eran as retratadas espidas por homes.

Ademais das Guerrilla Girls, participarán as seguintes artistas:

● Yolanda Herranz (España): Mujeres y Hombres

● Celeste Garrido Meiro (España): Parecen iguales, pero no lo son!

● Mau Monleón Pradas (España): Portaldeigualdad

● Regina José Galindo (Guatemala): No Violarás

● Beth Moysés (Brasil): Serie Casa de Acogida (Jaén)

● Mar Caldas (España): O mundo patas arriba

● Bia Santos (Brasil): Hay que seguir

● Nela (Manola Roig Celda) (España): Y este cuento se acabó

● Alissia (Mª Penalva Leal) (España): I Love Performing, Cállate!

● Samuel Gallastegui (España): 70/30

● Elina Chauvet (México): El arte de desagradar

● Patricia Glauser (Colombia): Mis Meninas

● Lorena Wolfer (México): Diarias Global: Afuera

● Lilian Amaral (Brasil): No loita! Em luto!

A exposición chegará a 15 mupis do casco urbano, sinalizados a través dun mapa que se poderá consultar de modo online, así como no Museo Municipal Manuel Torres, no que haberá unha exposición fixa de todas as obras xuntas e un tríptico.

A inauguración da mostra, que será tamén no Museo Torres, será o 26 de outubro, cando se lerá o manifesto do Colectiva Portal de Igualdade, e estará exposta ata o 26 de novembro.

Tal e como explicaron as comisarias da exposición, “este é o principio dunha serie de itinerancias e o proxecto Compartir é vivir viaxará a outras cidades de España ao longo do 2023”. De feito, a próxima cita xa está concretada e será no Museo de Arte Contemporáneo de Villafamés MACVAC, en Castellón.

Pola súa parte, a concelleira Itziar Álvarez destacou “a enorme importancia que ten que en Marín poidamos desfrutar da exposición de obras de colectivos tan relevantes como as Guerrilla Girls ou como a artista Regina José Galindo, cuxa obra No Violarás é tamén recoñecida en todo mundo”.

“Con esta mostra”, explicou Álvarez, “queremos impulsar a arte con perspectiva de xénero na nosa vila e sumarnos á reinvidicación que se extrae de todas as obras: a necesaria igualdade entre homes e mulleres, a loita contra a violencia de xénero e a importancia de reivindicar o papel das mulleres nos espazos de xestión do mundo da arte”.

Anterior Marín presenta o seu Plan de Pavimentación de Camiños Rurais

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados