O Centro Terapéutico de Briz para persoas con Alzheimer aumentará o seu servizo aos usuarios

O Centro Terapéutico de Briz para persoas con Alzheimer aumentará o seu servizo aos usuarios

A atención asistencial é fundamental na nosa sociedade, especialmente cando na vellez se suman algunhas enfermidades do ámbito neurolóxico que supoñen un importante cambio no día a día das persoas maiores.

Nese ámbito, e coa perspectiva de ofrecer servizos públicos de calidade, o Concello ten habilitado na Finca de Briz o seu Centro Terapéutico para as persoas con Alzheimer, que xestiona xunto coa asociación AFAPO.

A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, e o presidente do colectivo, Jose Manuel Fontenla, mantiveron, xunta coa alcaldesa María Ramallo, para facer un balance de como foi a actividade do centro neste ano tan difícil, marcado pola pandemia, que tamén afectou de xeito específico ás persoas que padecen estas patoloxías, polo impacto no seu deterioro cognitivo que tivo o illamento social durante o confinamento.

Precisamente, por esa razón o Centro retomou a súa actividade cando foi considerado un servizo esencial, dividindo ao grupo inicial para reducir o aforo en cada unha das sesións. Agora, o centro parará o seu funcionamento durante o Nadal para retomar as clases a partir do 19 de xaneiro.

Debido ao bo funcionamento das actividades, ampliarase o horario do servizo. “Ata agora viñan un día dúas horas e agora virán dos días á semana, hora e media cada día, en grupos de 10 persoas cada unha, polo que en total hai nestes momentos 20 usuarios activo”, explicou a concelleira.

O horario será de 10.00 a 11.30 para unha quenda e de 12.00 a 13.30 horas para outra, deixando esa marxe de tempo entre ambas para poder levar a cabo as pertinentes accións de limpeza e desinfección, cumprindo así con todas as medidas derivadas da crise sanitaria.

“Segundo puidemos comprobar co avance do centro, viamos que o feito de que acudisen só unha vez á semana era demasiado pouco para o seguemento dos usuarios”, asegurou Sanmartín, que afirma que “este servizo está funcionando de moi bo xeito e temos constancia do ben que lles está indo ás familias e aos propios usuarios”.

“O obxectivo”, segundo comentou Fontenla, “é poder manter a calidade de vida que agora teñen e frear, na medida do posible, a rápida evolución da enfermidade”. De feito, ese é o ADN de AFAPO, asociación creada para poder axudar tanto ás persoas afectadas por esta enfermidade como aos seus familiares e coidadores, realizando unha dobre labor, de asesoramento e de apoio psicolóxico ás familias e de atención directa ás persoas con Alzheimer e demencia.

Anterior O ARI leva xestionados cerca de 4 millóns de euros entre axudas privadas e públicas para rehabilitación urbanística

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados