No ano 2016 o Concello de Marín obtivo o galardón de Sendeiro Azul para a Ruta das Praias e este ano aspira a lograr o galardón para o Roteiro dos 5 Miradoiros.
O novo Roteiro ten un percorrido circular duns 7 km e ten unha dificultade baixa, que se pode seguir a través das marcas brancas e verdes de balizamento.
O percorrido parte da Praza de España en dirección ás praias.
O primeiro dos miradoiros atópase pasando a Praia de Portocelo, cunhas fermosas vistas á ría.
Continuando polo vial de praias ata os gravados prehistóricos de Mogor, está o segundo dos miradoiros.
Posteriormente dentro do Barrio Pérez Crespo está o terceiro miradoiro, dominante sobre o barrio de casas brancas.
Continuando en dirección á estrada xeral vírase para atravesala ata o Cruceiro, onde se comeza a ascender cara ao outro cruceiro, neste caso o Cruceiro do Vento, onde se sitúa o cuarto miradoiro.
Seguindo polas Sete Espadas pasando pola súa capela e enlazando a través dun sendeiro co Castro da Subidá, para chegar ás ladeiras do Monte Penizas, chégase ao quinto miradoiro no lugar da Moreira.
Para finalizar o traxecto comeza o descenso polo lavadoiro da Moreira, en dirección á Raña, onde se enlaza co camiño paralelo ao río Lameiriña e que dá paso ao centro urbano, a carón do lavadoiro do Souto. Seguindo pola rúa Calzada, pasa por debaixo da ponte e deixando a Praza de Abastos á esquerda, chégase ao punto de partida.
Con este roteiro, o Concello aspira a obter 4 praias de Bandeira Azul e certificación EMAS (Portocelo, Mogor, Aguete e O Santo do Mar), 2 Centros Azuis (Centro de Interpretación dos Petroglifos de Mogor e Ateneo Santa Cecilia) e 2 Sendeiros Azuis (Ruta das Praias e Roteiro dos 5 Miradoiros)