Os próximos 8 e 9 de febreiro o Museo Manuel Torres estará engalanado de camelias grazas á nova edición da Mostra Camelias e Mar, que este ano cumpre tres anos e que xa se converteu nunha cita ineludible para os amantes desta flor.
As concelleiras Beatriz Rodríguez e Itziar Álvarez presentaron hoxe pola mañá este evento, acompañadas de Cristina Barreiro e Mara Fariña, as organizadoras da cita e membros da Sociedade Española da Camelia e da International Camelia Society. Tamén estivo presente o pintor Álex Vázquez, que participará na mostra cunha exposición dalgúns dos seus cadros adicados á camelia.
A mostra abrirá as súas portas o sábado, 8 de febreiro, ás 09.00 horas, ca recepción das flores, que se colocarán nos máis de 40 expositores nos que se poderán ver centenares de variedades de camelias. Ás 13.00 horas terá lugar a inauguración oficial no salón do Museo, ca presenza das autoridades e das organizadoras. Durante a tarde, a exposición estará aberta ao público de 16.30 a 21.00 horas. O domingo o horario de visita será de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas.
Segundo se pode ler no programa do evento, as reservas para colocar un expositor deberán facerse vía telefónica, chamando ao 605792136 ou ao 663091852. Na chamada deberán indicarse un correo electrónico para posibles notificacións, o nome, o número de teléfono e o número de metros que se desexan reservar para o expositor.
No caso de que se queira máis información, tamén é posible consultala chamando ao propio museo, no 986891186, ou escribindo un correo electrónico ao enderezo cosasabuelacris@hotmail.com.
Cadros, filatelia e aceite de camelia
Durante a rolda de prensa, as organizadoras explicaron as novidades que haberá nesta terceira edición da mostra. Por unha banda, os expositores de flores estarán acompañados por unha exposición de cadros do pintor Álex Vázquez-Palacios.
Segundo explicou o artista, que tamén estivo na presentación desta mañá, as ilustracións que se poderán ver durante a Mostra Camelias e Mar foron creadas orixinalmente para a Exposición Universal da Camelia en Pontevedra do ano 2014, sendo imaxe oficial deste importante evento.
Por outra banda, o coleccionista Manuel Doval tamén cede parte da súa coleccións de selos conmemorativos sobre as camelias, que leva décadas apañando. Trátase, segundo apuntan desde a organización, dunha oportunidade única para ver estas pezas, que xa non é sinxelo atopar na actualidade.
Aínda que a camelia despunta pola súa beleza, as súas propiedades tamén fan desta flor un elemento natural único. Así o explicaba esta mañá Cristina Barreiro, que daba o dato de que todo o té actual está feito a raíz destas flores.
Outra das innovacións dos últimos anos son os aceites de camelia, que teñen importantes aplicacións tanto na cociña como, sobre todo, no mundo da estética, con propiedades moi interesantes para a pel.
Así, a organización obsequiará a cada un dos expositores que participen na mostra cunha botelliña de aceite de camelia, ademais de co libro “Marín en verde. Percorrendo os espazos naturais do Concello”, unha publicación na que se recollen os puntos máis singulares das contornas naturais do municipio.