“Simbiose en Marín” proponse como un diálogo entre pintura, fotografía e experimentación visual arredor da paisaxe, a natureza e a escultura contemporánea
Marín, 29 decembro 2025
O Museo Torres de Marín inaugura mañá, ás 19.30 horas, unha nova exposición que reúne a obra recente dos artistas Rocío Romero García e Santiago Leal Casás, nun proxecto conxunto que establece un diálogo entre a pintura, a fotografía e diversas técnicas gráficas.
A mostra presenta unha ampla selección de obras realizadas en distintos soportes e formatos. Por unha banda, a pintura acrílica de Rocío Romero García céntrase na representación da paisaxe, dos elementos naturais e de escenas cotiás, cunha especial atención ao uso da cor e á síntese formal. Os seus lenzos e táboas recollen motivos como o mar, o campo, as follas, as froitas ou os camiños, construíndo unha mirada sensible e próxima ao contorno.
Pola outra, o traballo fotográfico e experimental de Santiago Leal Casás inclúe fotografías, fotomontaxes, monotipos e cianotipias sobre papel. A súa obra percorre motivos naturais e urbanos, ao tempo que desenvolve unha investigación visual arredor da escultura de Silverio Rivas ubicada no Paseo Alcalde Blanco, que se converte no eixo conceptual de varias das pezas presentes na exposición.
A mostra incorpora tamén obras realizadas de maneira conxunta por ambos artistas, nas que se combinan fotografía, fotomontaxe e pintura acrílica sobre lenzo, reforzando o carácter de diálogo, colaboración e encontro entre linguaxes que define o proxecto expositivo.
A inauguración terá lugar mañá no Museo Torres de Marín e contará coa presenza dos artistas.