O Pleno aproba propoñer como adxudicataria á empresa Oreco Balgón para a construción do Centro Socio Cultural

13 maio 2022

O Pleno da Corporación que se celebrou onte no Concello de Marín deu luz verde á proposta de adxudicación elevada pola Mesa de Contratación para a construción do Centro Socio Cultural.

A Mesa de Contratación, despois de avaliar por parte dos servizos municipais a parte técnica das dúas ofertas presentadas, abriu o sobre coa proposta económica e puntuou as dúas propostas recibidas.

Finalmente, a proposta de adxudicación recae sobre a empresa Oreco Balgon, cun prezo de adxudicación de 5.278.601,90 euros. Esta inversión está cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea e tamén conta coa financiación da Xunta de Galicia.

Agora, a empresa terá un prazo de 10 días hábiles desde que reciba o requerimento para presentar a documentación que se lle esixe para, en última instancia, xa tramitar a adxudicación definitiva.

Este trámite, pola elevada contía do contrato, terá que volver de novo ao Pleno da Corporación. A partir de entón, comezará a conta atrás para o inicio dunha das obras máis importantes para a nosa vila nos últimos anos.

Coa construción do novo Centro Socio Cultural, Marín dotarase dunha infraestrutura que lle permitirá dinamizar aínda máis a súa cultura local e acoller espectáculos e eventos de maior envergadura e de necesidades técnicas máis ambiciosas que ata o momento non se podían traer ao municipio.

A súa localización, na parcela portuaria anexa á Praza de España e á Escola Naval, cambiará ademais o aspecto e a ordenación do corazón urbano de Marín, renovándoo e apostando por aproveitar ese centro urbano, que vén de mellorar tamén no seu brazo de conexión co mar: o Paseo Alcalde Blanco.

A alcaldesa asegura que “estamos a piques de poder facer realidade a adxudicación deste contrato, despois de que tivéramos que adaptarnos a unha realidade, a da suba de prezos, que ninguén esperabamos”. Ramallo afirma que foi un camiño burocrático longo e difícil pero que “merecerá a pena para dotar finalmente á nosa vila do Auditorio que merece e que nos fará dar un salto de xigante a nivel cultural”.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies