Marín, 21 outubro 2025
O Concello de Marín vén de anunciar a programación completa do Samaín Briz 2025, que se celebrará o 31 de outubro na Finca de Briz, consolidándose como unha das citas máis agardadas do outono marinense.
A partir das 18.30 horas, abriranse as portas da finca para dar comezo a unha tarde-noite chea de misterio, diversión e moito medo para todos os públicos.
O PequeSamaín, pensado para os máis cativos, ofrecerá pintacaras, xogos, animación musical e moitas sorpresas ata as 22.00 horas.
Desde esa mesma hora, o público poderá aventurarse polas rutas do medo: “Casa das Bonecas Terroríficas”, da Comparsa Os da Caña e “As Portas do Alén”, do Club Deportivo La Peña. Como todos os anos, haberá que ter paciencia porque estas rutas son con cola, que se tratarán de axilizar o máximo posible, e estarán abertas ata as 21.00 horas.
Por toda a finca e con acceso libre e sen colas, estarán as “Estacións do Medo”, un percorrido inmersivo con espazos como o Banquete de Morte, O Bosque Encantado, Medo Me Dá, A Noite do Brote, A Cova do Asustador e A Danza da Lúa.
Os espectáculos principais contarán con dous pases, ás 19.00 e 21.00 horas, cunha programación chea de tradición e misterio: Nemeton. A Orixe do Samaín, A Queimada, O Lobishome e A Queima das Meigas. A xornada pechará cunha gran festa final ás 23.00 horas.
Durante toda a tarde e noite haberá postos de comida, ambientación musical e moitas actividades máis, nunha proposta que combina tradición, cultura popular e diversión para todas as idades.
O Concello de Marín agradece a colaboración da Fundación Juan XXIII, así como das comparsas Os da Caña, CD La Peña, Val do Lérez, Cor Café, As Sonecas e A Pandilla, cuxo traballo e creatividade fan posible que o Samaín Briz siga medrando ano tras ano.