Grazas á nova redacción legal, as entidades locais “poderemos autorizar intervencións menores para axilizalas”, o que aumenta a rapidez na xestión e dá resposta ás necesidades da cidadanía.
Ademais, garántese o cumprimento de prazos de execución cando os Concellos impulsan proxectos que dependen de fondos externos
Marín, 13 xaneiro 2026
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, valorou esta mañá de forma moi positiva a modificación da Lei do Patrimonio Cultural, impulsada pola Xunta de Galicia, despois de participar na xornada de explicación da mesma que levou a cabo o conselleiro José López na cidade de Pontevedra para todos os municipios da área.
“A clave de todo é axilizar”, asegurou a rexedora marinense, “mantendo sempre o rigor na protección patrimonial dos elementos que teñen interese cultural”. Coa modificación da lei, poderán ser os propios concellos os que autoricen pequenas intervencións nas que haxa afectación, como limpezas de fachadas, renovación de pavimentos ou reparación de vías, entre outras.
“Ese é o día a día dun concello”, asegurou a alcaldesa, que insiste en que o que se está ganando é “tempo e axilidade para a cidadanía, que antes non entendía como unha actuación na súa propiedade podía verse paralizada tanto tempo debido á inxente cantidade de traballo que tiña o departamento autonómico. Con este cambio normativo, repartimos o traballo, respondemos con máis rapidez ás demandas da cidadanía e impulsamos así o desenvolvemento local”, argumentou. E todo isto “garantindo en todo momento a protección do Patrimonio, que é o que nos une a todos”.
A nivel de inversión pública, a alcaldesa sinala tamén os grandes beneficios que supón a axilización burocrática: “Os concellos dependemos moito a nivel de inversión de subvencións e fondos doutras administracións, que teñen prazos de execución claros. Moitas veces, pola demora das autorizacións podíamos entrar en risco de perder esas inversións e é unha pena, porque moitas precisamente están orientadas a mellorar e conservar o noso patrimonio e ata agora complicábase sobremaneira”.
Ramallo finalizou, por tanto, agradecendo á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que introduza unha modificación na que “os concellos nos sentimos escoitados e que responde ás necesidades reais que temos”.