Os traballos permiten avanzar na consecución do obxectivo do máximo aforro enerxético, cambiando todas as luminarias a LED. A acción centrouse nas zonas de acceso á Casa de Cultura e ao recinto da festa e está subvencionada polo Fondo de Compensación Ambiental
Marín, 05 setembro 2025
A piques de comezar coas súas festas patronais, a parroquia de Ardán estrea novo alumeado público. A alcaldesa, María Ramallo, e o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, achegáronse ata a zona de acceso á Casa de Cultura e ao recinto da festa, en pleno núcleo, onde se levou a cabo unha inversión de máis de 37.550 euros para renovar todas as luminarias, instalando tecnoloxía LED, e reforzando o alumeado con 22 novos puntos de luz.
A inversión realizouse grazas a unha subvención do Fondo de Compensación Ambiental, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que sufragou a maior parte da contía.
En total, actuouse sobre 55 puntos de luz, 22 dos cales son de nova instalación, co que se conseguiu cubrir todo o itinerario que dá acceso tanto á Casa de Cultura de Ardán como ao recinto da festa.
A rexedora e o concelleiro destacaron a importancia de acceder a estes fondos autonómicos para acadar o obxectivo final, que é o de consumir o máximo aforro enerxético no alumeado público municipal, tanto no casco urbano como no rural, para cumplir cos criterios de sostibilidade e de coidado do medio ambiente.