O próximo luns ábrese o prazo para a solicitude de xantares e ceas para Hostalaría e Particulares na Festa Corsaria 2017
A sexta edición da Festa Corsaria que conmemora os marcos históricos do Corsario marinense Juan Gago Mendoza, celebrarase o próximo 19 de agosto. Unha edición que virá con moitos cambios respecto a súa celebración e desenvolvemento e que a mediados do mes de xullo, a organización irá desvelando, pero co claro obxectivo de acadar a maior implicación da cidadanía e hostalaría.
O Concello de Marín organizador do evento abrirá o próximo luns 3 de xullo o prazo para solicitude de espazos para a hostalaría e particulares para que poidan montar as súas mesas para xantares e ceas.
Todos os interesados terán de prazo ata o próximo 11 de agosto, e poderán descargar na web do Concello www.concellodemarin.es as normas e condicións ou recollelas no punto de información do Concello como de costume. Cada solicitante deberá cumprir unha serie de requisitos de ambientación, montaxe dos postos e seguridade, de acordo co espírito da recreación histórica que caracteriza a Festa Corsaria, baseada no Marín do século XVIII e unha vez cuberta debe presentala no Rexistro do Concello.
Dado que a Festa Corsaria está adicada e ambientada no Marín do século XVIII, a organización agradece que tanto a ambientación como as actividades que se realicen durante ese día xiren en torno a este tema.
Con respecto ás comidas, a organización, unha vez finalizado o prazo de inscrición, realizará a asignación dos postos tendo en conta as localizacións de edicións anteriores e a data da presentación da solicitude.
O obxectivo principal marcado pola organización para a sexta edición da festa Corsaria é a participación da cidadanía nas actividades que estarán programadas e que se darán a coñecer despois das festas do Carmen e como avance presentarán moitas novidades, sendo o día principal da Festa Corsaria 2017 o sábado 19, tendo como preludio a feira de artesanía que se celebrará na Alameda Rosalía de Castro desde o venres 18 ata o domingo 20.