Son de Marín volve para encher de música as rúas e prazas da vila

Son de Marín volve para encher de música as rúas e prazas da vila

31 agosto 2021

 A música e a cultura serán as protagonistas desta fin de semana na nosa vila da man de Son de Marín. Este evento, xa consolidado no municipio, celebrará a súa novena edición o venres e o sábado.

Os concelleiros Manuel Santos e Beatriz Rodríguez presentaron xunto con Benito Salgado, dos Saljariteiros, esta nova edición do festival, organizado por Dibay, e que se iniciará o venres, a partir das 17.00 horas, cunha ofrenda floral no Cemiterio de Santomé de Piñeiro, onde está enterrado John Balan. Esta ofrenda quedará como unha tradición de cara aos vindeiros anos.

Ás 21.00 horas, Os Saljariteiros porán en marcha na Alameda o seu Marín Canta, no que estarán acompañados da Big Band OT. Nesta edición, farase unha mención especial a José Gil, xa que neste evento sempre se trata de homenaxear a persoas importantes para a cultura da vila.

 

Sábado pola mañá

O sábado pola mañá ás 11.00 horas farase o habitual pasarrúas, dividido entre distintas zonas e formacións artísticas. A Batucada Os da Caña estará pola zona centro de Marín. Os de Marín estarán na contorna da Praza de Abastos e a Residencia da Terceira Idade, un paso obrigado para os usuarios do centro que se realizará desde a entrada. Os Chaneiros pasarán por toda a Rúa Ezequiel Massoni e Jaime Janer e Maracumbé Batucada percorrerá a Barriada de Pescadores, Concepción Arenal, a Praza do Regueiro e a Avenida de Ourense.

A partir das 12.00 horas, comezarán os concertos coa actuación de Art&Maña, na Praza 8 de marzo. Á mesma hora, na zona da Banda do Río, xunto ao Underground, actuará Gaiteiro Moderno, coa súa proposta de fusión gaita.

Ás 12.30 horas, a Banda de Música Musimarín actuará en Fondo do Saco e a partir das 13.00 horas, as versión de Broken Bones soarán na Rúa Ezequiel Massoni, xunto ao Klee e ao Atalaya.

Ás 13.00 horas, Paula Gago Otero con Francisco Javier Morgade, mestres do Centro Superior de Música de Galicia, iniciarán a súa actuación na Praza do Reloxo, na Rúa do Sol. Nesta praza, porase un punto de música de cámara que se manterá de cara a novas edicións.

O peche da mañá será con Dani Barreiro, ás 13.00 horas no Palco de Música, e está pensado para público familiar, xa que interpretará cancións infantís e tamén clásicos para os pais e nais.

 

Sábado pola tarde

A música arrancará de novo ás 19.30 horas no Bar Real, con Eva Pico, unha artista marinense, que estará acompañada por Marián Hastings e Sara Castro.

Ás 20.00 horas dará comezo a homenaxe a John Balan na Alameda, presentado por Xosé Vilas e Julio Santos. Farase un agradecemento especial a Lucía Budiño, que foi presidenta dos Chaneiros e unha persoa moi activa no mundo da música tradicional en Marín.

Ás 21.00 horas, Top Legends tocará en Méndez Núñez, na zona de atrás do Concello, e á mesma hora, Ricardo Ferreira actuará na contorna do Rincón de Juansito. Pola súa banda, Gran Garaje tocará en Serafín Tobío, na zona das Vides.

Ás 22.00 horas, o peche final de Son de Marín será o concerto de Ricardo Parada.

 

Anterior Ramallo clausura os campamentos de verán municipais, nos que participaron máis de 250 nenos e nenas

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados