María Ramallo Vázquez
Alcaldesa de Marín
Marín, 3 outubro 2025
Hoxe é un día importantísimo para a nosa vila. O Goberno fixo pública a resolución dos Concellos que acadamos financiación da nova liña dos Fondos FEDER da Unión Europea. E si: conseguimos que Marín sexa un deses concellos.
O Marín do futuro construirase cos máis de 6,5 millóns de euros que nos acaban de conceder para sacar adiante o noso plan de actuación integral MARÍN 360, que servirá para revitalizar e mellorar os nosos barrios.
É unha noticia crucial para a nosa vila, unha inversión esencial que se conseguiu grazas á boa xestión, a ter un proxecto claro e definido e unha visión clara do Marín que queremos. E… que incluímos dentro de Marín 360? Catro proxectos estratéxicos para tres zonas vitais de Marín.
O primeiro consiste na creación dun corredor verde entre a BANDA DO RÍO e o CASCO VELLO, rexenerando as rúas Lameira e Exército e Marina, abordando unha reforma da cuberta e das instalacións do Mercado e mellorando a accesibilidade á Finca de Briz, salvando por fin un dos grandes problemas que temos neste sentido no centro.
Seguimos polo noso corazón urbano e chegamos ao segundo proxecto: a BARRIADA DA VIRXE DO CARME. O obxectivo dos fondos de Marín 360 será a creación dnha zona de transición verde entre o barrio e a senda do río, que cambiará radicalmente coas obras que actualmente está executando Augas de Galicia e actuaremos en todos os viais que arrodean a barriada (Francisco Landín, Souto, Busto de Abaixo e Calzada). Todo sumado á actual obra de mellora integral do Pavillón do Sequelo, que imprimirá unha mellora total a esta zona.
O terceiro proxecto beneficiará á BARRIADA DE SAN PEDRO, onde plantexamos unha urbanización de toda a barriada, mellorando pavimentos, beirarrúas, mobiliario, zonas verdes… así como unha actuación no Estadio, que englobe a renovación da cuberta, a mellora do peche e a optimización da eficiencia enerxética. Tamén se plantexará mellorar a conexión co barrio do Sequelo a través de Jaime Janer.
E, finalmente, chegamos ao proxecto do BARRIO DA CAÑOTA, un dos nosos barrios pesqueiros e históricos por excelencia. Coa inversión conseguida da Unión Europea melloraremos a praciña central, modernizaremos o local municipal e humanizaranse as rúas Cañota e Carballiño para conectar mellor o barrio con Concepción Arenal.
Temos, pois, os obxectivos claros do que queremos para os nosos barrios: que sexan máis verdes, máis atractivos, mellor conectados e con todos os servizos.
Queda agora un arduo traballo: encargar proxectos, encaixar os orzamentos e iniciar as licitacións. Hai que ter en conta que falamos dun traballo a longo prazo, coa vista posta no 2030, pero temos prioridades, ilusión e ganas para arrancar o traballo sen demora.
Os resultados dos antigos fondos FEDER sérvennos de aval. Temos experiencia xestionando plans transformadores e conseguindo os resultados esperados. Europa sabe o traballo que fixemos e prémianos de novo. Aproveitemos esta gran oportunidade.