Contacto | Tel.:986 88 03 00

A alcaldesa de Marín lanza unha mensaxe de ánimo e concienciación á cidadanía marinense

Despois de varios días de confinamento, segue sendo necesario que toda a cidadanía se involucre no cumprimento estrito das medidas enmarcadas no decreto do estado de alarma. A gran maioría da veciñanza de Marín está mostrando a súa solidariedade, o seu compromiso e a súa vontade de colaboración, aportando o seu grao de area nesta loita colectiva contra o coronavirus.
Pero tamén existen algunhas persoas que incumpren as regras e deben ser apercibidas pola Policía Local, que esta mesma mañá tivo que tramitar outras tres novas denuncias por ocupación indebida da vía pública, sen unha xustificación para o desprazamento.
Ante esta situación, a alcaldesa, María Ramallo, gravou un vídeo dirixido a toda a cidadanía de Marín, coa fin de transmitir unha mensaxe de ánimo e de concienciación. “Sei que despois de varios días, o confinamento pode resultar pesado, pero é a mellor maneira que temos de poder axudar a todas aquelas persoas que quererían estar no seu fogar pero non poden porque están axudándonos a todos e todas. Non nos podemos relaxar”, advirte a rexedora.
Por outra banda, Ramallo insistiu de novo no inexistente risco de desabastecemento de bens de primeira necesidade e volveu instar á veciñanza a facer compras racionais e cumprindo nestes espazos con todas as medidas de prevención e hixiene, tanto entre usuarios como cos traballadores e as traballadoras dos establecementos de alimentación.
Por outra banda, salientar que continúan a levarse a cabo os traballos de limpeza e desinfección das principais rúas do centro urbano de Marín.

#MarínEnCasa, unha iniciativa para tender pontes
Nestes días, as redes sociais e, en xeral, as novas tecnoloxías, están axudando a manter o contacto social que non podemos ter de maneira presencial. Isto permite que sigamos en contacto cos nosos seres queridos, os nosos amigos e os nosos veciños. Seguindo esta filosofía, a Policía Local de Marín puxo en marcha onte a iniciativa #MarínEnCasa, unha actividade que consiste en que todos aqueles que queiran participar poderán enviar unha fotografía ao enderezo policiamarinencasa@gmail.com, na que se vexan as diversas formas nas que están a ocupar este tempo.
Estas fotografías serán subidas pola propia Policía a un post da súa conta de Facebook. Aquela persoa que colleite máis “gústame” coa súa instantánea, recibirá, ao finalizar o decreto do estado de alarma, un detalle de agradecemento por parte da Policía Local pola súa participación na iniciativa.
Para participar, será obrigatorio ser seguidor e darlle a “Gústame” á páxina de Facebook da Policía Local de Marín.

O servizo de atención a domicilio para persoas dependentes, funcionando e extremando as medidas de hixiene
Noutra orde de cousas, o Concello informou esta mañá de que todos os usuarios do servizo de axuda a domicilio seguen recibindo todas as atencións e coidados necesarios, cumprindo sempre cas medidas de hixiene, extremándoas nestes casos por tratarse de persoas maiores, que conforman o grupo de risco máis importante.
Tamén os servizos das organizacións sen ánimo de lucro, como é o caso do Comedor Social, seguen en marcha.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies