A atención psicolóxica e o asesoramento xurídico e dixital marcan o traballo do CIM

A atención psicolóxica e o asesoramento xurídico e dixital marcan o traballo do CIM

15 febreiro 2021
A loita contra a violencia de xénero continuou e continúa en todo momento a pesar da pandemia, xa que é outra lacra que non entende de excepcionalidades nin de restricións. Incluso, a pandemia o que supuxo foi unha complicación na situación das mulleres vítimas e das mulleres en xeral, “que somos as primeiras que nos vemos afectadas a nivel laboral cando se dan os problemas de conciliación que estamos a ver”.
Así o expresa Marián Sánchez desde o CIM de Marín, que asegura que tras o vivido coa pandemia “notamos moito un incremento na atención psicolóxica e na necesidade de axudas asistenciais”. “Pero non só iso”, engade, “tamén tivemos que adaptarnos para poder ofrecer ás usuarias do CIM alternativas dixitais coas que se desenvolvesen ben”, porque a brecha dixital tamén é un problema en tempos de trámites telemáticos como os que vivimos.
Sánchez insiste en que no traballo de campo notouse “a perspectiva de xénero da pandemia” e considera que se fixo e se está a facer un bo traballo desde o CIM “para seguir atendendo día a día a todas aquelas mulleres que o precisan”.
Na memoria anual do 2020 presentada polo organismo, refléxanse as seguintes cifras de atención en consulta:

Área de consulta Número de consultas
Asesoramento xurídico 193
Atención psicolóxica 465
Atención ás vítimas de violencia de xénero 174
Orientación laboral 19
Información sobre cursos, xornadas e actividades 6
Información de recursos 87

Ademais, 22 mulleres fixeron uso do servizo do Punto de Intercambio Familiar e 3 do servizo de Fegataxi.
No que respecta ás actividades, foron menos das previstas dada a situación sanitaria, pero aínda así puidéronse realizar diversas accións, moitas delas previas ao estalido da pandemia.

ACTIVIDADES DESENVOLVIDAS NO 2020

Sesión de cine “A visitadora de cárceres”
Levouse a cabo o 5 de marzo na Biblioteca Municipal. O filme conta a historia de Concepción Arenal e foi unha actividade realizada en colaboración coa Xunta de Galicia.

8M, actos institucionais
Adicouse o acto ao papel das mulleres coidadoras, participando Rosa Prado, representante de Pousos de Area; Lourdes Broullón, presidenta da Asociación de Santa María do Campo; Carmen Pérez Iglesias e Carmen Pazos Guimeráns. Tamén se levou a cabo a exposición itinerante “Mans coidadoras”.

Servizo de conciliación, derivado da pandemia
Proxectos para favorecer a corresponsabilidade e a conciliación persoal, familiar e laboral que faciliten o coidado dos menores durante o peche dos centros escolares, a través dunha subvención da Deputación.

Recurso de telefonía móbil do CIM
Xestión dun servizo de telefonía móbil para facilitar o contacto e a atención rápida á cidadanía. O novo número é 671 49 71 12 e complementa á telefonía fixa 986 89 18 02. A través do móbil, facilítase a presentación de documentación para persoas que non utilizan con fluidez o correo electrónico.

Campaña Agresión OFF, eu digo non á violencia sexual
Esta actividade tivo lugar o 5 de decembro na Alameda Rosalía de Castro, de 16.00 a 22.00 horas. A cidadanía foi sensibilizada e informada sobre a loita contra a violencia de xénero, abordando o desmantelamento dos estereotipos de xénero, os xeitos de combater o sexismo desde a infancia, a necesaria autoestima e valoración persoal ou a relación entra a violencia machista e as novas tecnoloxías, entre outras temáticas

Os actos do 25N, telemáticos
Debido á Covid19, foi preciso conmemorar o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero de xeito telemático. A XI Edición dos Premios Lazo Violeta homenaxeou aos grupos de profesionais que interveñen nos casos de violencia de xénero e que intensificaron o seu traballo durante a pandemia. Neste día, tamén se presentou a web didáctica de Igualdade e na que se poden descargar moitos recursos do CIM (www.cimdemarin.es)

Arte na Rúa contra a Violencia Machista
Dentro desta campaña deseñouse un banco, que foi pintado de cor morado e que serviu de base para achegar o traballo dunha muller vítima de violencia de xénero usuaria do CIM, do que se extraeu unha frase de positividade: “Unha nova vida empeza, a túa liberdade está ao outro lado do medo”. O banco colocouse o 25 de novembro na Alameda, onde se realizou tamén unha actuación de teatro espontáneo, e agora está fronte a Servizos Sociais, en Briz. Realizaranse réplicas con novos lemas para os centros educativos.

Proxección da película “No tempo das bolboretas”
Actividade organizada co obxectivo de informar, sensibilizar e previr contra a violencia de xénero. Este filme foi cedido polo seu director, Mariano Barroso, e foi proxectada nos niveis educativos de ESO, ciclos e Bacharelato.
Mulleres en Acción – Violencia Zero
A Alameda de Marín acolleu unha representación da compañía Elahood, na que as bailarinas puxeron o foco sobre os protocolos sociais que se impoñen ás mulleres.
Actividade de teatro espontáneo
Unha actividade terapéutica na que participaron 20 mulleres usuarias do CIM.
Exposición Cadeas Rotas
Contou coa participación desinteresada de mulleres vítimas de violencia de xénero marinenses, que facilitaron a súa imaxe para loitar contra esta terrible lacra. A artista tras esa exposición é Adriana Echevarría e foi exposta tanto no palco da Alameda como nos centros educativos (actualmente está en Seixo)
A caixa máxica de Igualandia
Unha actividade de iniciación á lectura para o alumnado dos centros de Educación Infantil da vila, utilizando como fío condutor os contos infantís en valores de igualdade e contra a violencia de xénero. Ademais da lectura dos libros, creouse unha boneca protagonista da historia, fabricada artesanalmente por unha muller vítima de violencia de xénero de Marín.

Anterior O Concello proxecta a rehabilitación integral do depósito da Costa cunha inversión de 198.440 euros

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados