O Concello proxecta a rehabilitación integral do depósito da Costa cunha inversión de 198.440 euros

O Concello proxecta a rehabilitación integral do depósito da Costa cunha inversión de 198.440 euros

13 febreiro 2021
O Concello de Marín facía onte público o proxecto de mellora integral do colector do Río Lameira, dando un paso máis no seu obxectivo de ofrecer uns servizos públicos de saneamento de calidade.
Hoxe, o Goberno local informa dunha nova actuación, que neste caso suporá unha mellora no abastecemento de auga e que sigue a estela da optimización e da realización de “obras e proxectos relevantes, que melloran o día a día da cidadanía de Marín e que son urxentes e importantes, polo que ocupan un espazo prioritario na nosa axenda”, apuntan desde o Concello.
Esta actuación ten que ver coa rehabilitación integral do depósito de auga da Costa, unha das instalacións que forman parte do sistema de abastecemento de auga potable a Marín. Actualmente, a pesar de atoparse en servizo, presenta un “avanzado estado de deterioro”, tal e como explican fontes municipais. Por iso, e coas previsións de melloras sobre o sistema que se están a executar con Acuaes, o Goberno local considera prioritario renovar de xeito integral estas instalacións.
O orzamento global dos traballos ascende a 198.440 euros e a Xunta de Goberno Local aprobou recentemente que a inversión formará parte das actuacións que se levarán a cabo ao abeiro do Plan Concellos 2021, polo que se solicitou formalmente a subvención á Deputación de Pontevedra.
Na inspección realizada, detectáronse no depósito signos dese deterioro polo uso e o paso do tempo, así como algunhas fisuras na estrutura. Con esta actuación, por tanto, o que se pretende é acondicionar o depósito, incluíndo a cámara de chaves, “de tal forma que se poida garantir a mellora no funcionamento e a calidade do servizo do abastecemento de auga potable”.
Tal e como se recolle na memoria do proxecto, tamén está proxectada a redistribución e renovación da caldeirería e das válvulas, coa finalidade de facilitar o control e a manipulación do sistema.
O prazo de execución das obras será de cinco meses, un período de garantía de 12 a partir da firma da acta de recepción.

Anterior O Entroido online de Marín arranca coas comparsas Os Paparrulos e Os da Caña

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados