Un dispositivo especial de vixilancia con axentes de paisano permitiu detectar a substracción de 60 metros de cable na subida da Moreira. Investígase a súa posible relación con outros roubos das últimas semanas
Marín, 19 outubro 2026
A Policía Local de Marín detivo na madrugada deste sábado un home de 42 anos e unha muller de 45, ambos veciños do municipio, tras sorprendelos presuntamente subtraendo 60 metros de cable do alumeado público na contorna da subida da Moreira.
A intervención foi posible grazas ao dispositivo especial de vixilancia establecido pola Policía Local, con presenza de axentes de paisano, como resposta aos reiterados roubos deste material rexistrados nas últimas semanas. Estas subtraccións estaban a provocar importantes afeccións ao funcionamento do alumeado e un prexuízo económico para as arcas municipais.
Os axentes de paisano detectaron ás dúas persoas en pleno acto, sustraendo o cableado, e procederon á súa detención nas proximidades do centro de saúde. Posteriormente, foron postas á disposición da Policía Nacional para a continuación das dilixencias e a súa posta á disposición xudicial.
Ambas persoas están a ser investigadas como presuntas autoras dun delito de furto agravado e de dano en situación de flagrancia.
A actuación enmárcase no traballo de colaboración que a Policía Local e a Policía Nacional manteñen desde o inicio destes roubos, con dispositivos de vixilancia conxuntos e coordinación entre os dous corpos.
A investigación seguirá aberta para esclarecer a posible implicación das persoas detidas noutras subtraccións anteriores, unha relación que está pendente de determinar.
A Policía Local manterá o dispositivo especial de vixilancia para previr novos roubos e protexer as instalacións do alumeado público.
Desde o Concello ponse en valor o traballo dos axentes e a coordinación policial, e mantense a petición de colaboración cidadá.