Marín reunirá a comunidade gamer de Godot nunha xornada dedicada aos videoxogos

A Xuntanza Godoteira celebrarase o sábado 24 de outubro, cunha mostra de videoxogos no Museo Manuel Torres e faladoiros e obradoiros na Biblioteca Vidal Pazos

Marín, 19 outubro 2026

O mundo do videoxogo e a creación dixital serán protagonistas en Marín o próximo sábado, 24 de outubro, coa celebración dunha Xuntanza Godoteira, unha actividade para probar xogos, compartir experiencias e ampliar coñecementos arredor de Godot, unha ferramenta de software libre para o desenvolvemento de videoxogos.

A proposta foi presentada esta mañá no exterior da Biblioteca Vidal Pazos polo concelleiro de Novas Tecnoloxías, Hugo González, e por representantes da asociación Godoteiras de Marín, que deron a coñecer a programación prevista para as sesións de mañá e tarde.

A primeira parada da xornada será ás 11.30 horas no Museo Manuel Torres, onde se celebrará unha mostra de videoxogos desenvolvidos con Godot. O público poderá achegarse ás creacións realizadas con esta ferramenta e coñecer o traballo das persoas que a utilizan.

Godot conta cunha comunidade activa en Galicia, vinculada tanto ao desenvolvemento de novos videoxogos, moitos deles en galego, como ao interese pola cultura do videoxogo. A xuntanza permitirá dar visibilidade a esa actividade e facilitar o encontro entre persoas creadoras, afeccionadas e público con curiosidade por descubrir este ámbito.

A programación continuará pola tarde, a partir das 16.00 horas na Biblioteca Vidal Pazos, con faladoiros e obradoiros destinados a compartir coñecementos e explorar as posibilidades de Godot.

A actividade busca reforzar os lazos entre as persoas que empregan este software, favorecer o intercambio de experiencias e abrir a comunidade a quen queira achegarse á creación de videoxogos.

Coa celebración desta xornada en dous espazos culturais municipais, Marín ofrecerá un punto de encontro arredor da tecnoloxía, a creatividade e a colaboración, dando tamén visibilidade ao desenvolvemento de contidos dixitais en galego.

A Xuntanza Godoteira contará con entrada libre. As persoas interesadas tamén poderán apuntarse previamente a través da ligazón de inscrición habilitada para a actividade.

Anterior A Policía Local de Marín detén a dúas persoas sorprendidas roubando cable do alumeado público All posts