Marín mantén conxelados os impostos por undécimo ano consecutivo e proxecta inversións de cerca de 2 millóns de euros

29 xullo 2021

Un orzamento continuista, coa perspectiva posta na inversión e que preserva a boa saúde fiscal do Concello, mantendo conxelados os impostos e as taxas municipais por undécimo ano consecutivo.

Ese é o resumo do orzamento deste ano que o concelleiro de Facenda e tenente alcalde, Manuel Santos, presentou esta mañá ás 12.00 horas nunha Comisión Extraordinaria de Facenda, na que compartiu co resto de grupos da Corporación a documentación administrativa relativa á aprobación da conta municipal.

O montante total da mesma será de 13.529.069,20 euros, 75.000 euros máis que o orzamento do pasado exercicio, e que supón unha aposta clara por continuar “coa inversión pública que facemos desde o Goberno local, centrada en eliminar todos os gastos superfluos e centrándonos nas necesidades máis relevantes da nosa veciñanza”. “O obxectivo no que levamos traballando todos estes meses é precisamente axustar os nosos gastos ao límite”, incidiu o concelleiro.

Este traballo tivo este ano, ademais, un novo ingrediente a ter en conta: a pandemia. “Levamos 11 anos mantendo conxeladas todas as taxas e impostos que repercuten na veciñanza e este ano aínda temos un argumento máis para manternos nesa liña, dadas as dificultades económicas ante as que nos atopamos por mor da situación sanitaria”, declarou o concelleiro.

Pero é que, ademais, a propia xestión municipal da pandemia levou a que o Goberno local activase unha serie de bonificacións coas que axudar non só de xeito particular aos veciños e veciñas, senón de maneira máis intensa aos actores da economía local que máis afectados están, como é a hostalaría, que está exenta do pago das terrazas e veladores desde o 2020 e durante todo o ano presente, entre outras bonificacións.

Segundo detallou o concelleiro, en canto aos ingresos aproximadamente o 51% provén tanto das taxas e impostos directos e indirectos do Concello, sendo o restante 49% correspondente ao ingresos da participación nos Tributos do Estado e da Xunta.

Con respecto aos gastos, o capítulo de Persoal supón ao 43,52% do Orzamento, e o gasto corrente ascende ao 52,77%. “Neste punto, aumentamos aquelas partidas que se viron afectadas pola pandemia, especialmente as relativas a Servizos Sociais e á limpeza nos centros educativos”.

Pero a maiores tamén se reflicten todas as accións de mellora que se levan a cabo ao longo do ano para prestar servizos públicos de calidade: “Mantemos as nosas praias, o noso rural, coidamos de xeito especial os nosos parques e xardíns. Apostamos polo medio ambiente e, por suposto, de novo apoiamos ás actividades culturais e deportivas, aínda que este ano teñan a súa situación máis limitada dada a Covid19”.

Case 2 millóns máis de inversión prevista

A boa saúde fiscal municipal permitiu congregar un remanente de Tesourería de 4 millóns de euros, que agora será utilizado para levar a cabo 6 grandes proxectos esenciais.

A humanización da Praza de Ponteporto, a reforma da Casa do Mar para convertela nun Centro de Día, a posta en marcha da rede de abastecemento de Bexe, a demolición do antigo Mercado de Cantodarea e a adaptación do Liceo Casino para convertelo nun Centro de Ocio Xuvenil son as actuacións que aglutinarán 1.215.000 euros de inxección económica.

A esta importante forza inversora, súmanse os aproximadamente 800.000 euros que se investirán para a construción do Auditorio de Marín. Os 4 millóns de euros totais desta actuación proceden do proxecto Marín Dusi (2 millóns), cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea, e da Xunta de Galicia (2 millóns).

“En definitiva”, concluíu Santos, “temos un orzamento axustado á realidade do noso Concello, cumprindo co obxectivo de estabilidade orzamentaria e coa regra de teito de gasto e sumando unas inversión potentes que podemos realizar grazas ao noso remanente”.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies