O Auditorio de Marín avanza na súa tramitación coa aprobación inicial do estudo detalle

O Auditorio de Marín avanza na súa tramitación coa aprobación inicial do estudo detalle

9 abril 2021

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, anunciou que o Auditorio de Marín aprobou inicialmente o seu estudo detalle. Este documento é un paso importante no camiño burocrático deste proxecto esencial para Marín e serve para determinar as condicións ás que ten que axustarse a futura edificación, determinando as características técnicas de volume, aliñacións…

Ramallo explicou que “este trámite supón un paso máis de cara a conseguir a licitación das obras, de tal xeito que o noso Auditorio xa é unha realidade, a falta simplemente de que rematemso os últimos chanzos da tramitación que nos faltan”.

De feito, a rexedora tamén informou de que xa se conseguiron os informes técnicos precisos para a obra. Por unha banda, o informe favorable do Ministerio de Fomento, dado que a zona está afectada pola estrada PO-11, de titularidade estatal. Por outra, o informe do Ministerio de Defensa, por ser un espazo incluido na zona de seguridade da Escola Naval Militar, e, finalmente, o informe favorable da arquitecta municipal.

“Temos, por tanto, todos os apoios sectoriais que precisamos para seguir traballando neste proxecto, que suporá un antes e un despois para Marín, dotándonos por fin desta infraestrutura cultural que nos permitirá dar un paso adiante na nosa programación”, declarou Ramallo.

Agora, o documento estará a exposición pública para despois poder levalo ao Pleno da Corporación, para a súa aprobación definitiva.

A construción do Auditorio é unha das obras máis importantes do Marín Dusi, a estratexia de desenvolvemento urbano sostible para a que a vila de Marín conseguiu a cofinanciación dun 80% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea. A humanización da Avenida de Ourense e a remodelación do Paseo Alcalde Blanco son os outros dous grandes proxectos desta estratexia.

Neste estudo, recóllense algunhas características técnicas importantes, como a necesidade de manter a continuidade visual coa Alameda de Marín, a unificación dos elementos de sinalización, rótulos, mobiliario… e a adaptación do cerramento portuario para mellorar a súa integración paisaxística.

As conclusións, por tanto, do estudo detalle é que a edificación é viable e, por tanto, xa está aprobado este documento por parte da Xunta do Goberno local. “Para nós é unha nova importante e seguiremos traballando para poder iniciar o proceso de licitación e construir o Auditorio de Marín”.

O GAU, semipresencial

A primeira sesión do Grupo de Acción Urbana (GAU), convocada para o luns, 12 de abril, ás 19.00 horas, será finalmente en réxime semipresencial e contará coa participación das asociacións culturais e veciñais da vila.

Contará cunha introdución por parte da alcaldesa e da asistencia técnica da DUSI. Despois, representantes técnicos da obra de humanización da Avenida de Ourense, da remodelación do Paseo Alcalde Blanco e do proxecto do Auditorio presentarán os detalles das actuacións para que os representantes das asociacións poidan coñecelos máis polo miúdo.

Ademais, o peche da sesión estará dedicada á preparación da nosa vila para formar parte da Axenda Urbana 2030, establecendo un novo horizonte de actuacións para cumprir cos obxectivos de desenvolvemento sustentable da Unión Europea e, deste xeito, seguir traballando por un Marín máis ecolóxico, máis urbano, máis respectuoso e máis integrado.

 

 

Anterior Avanzan os traballos de desbroce da primera zona marcada no mapa de actuacións

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados