O Centro Terapéutico da Finca de Briz retomará a súa actividade cun estrito protocolo de seguridade

O Centro Terapéutico da Finca de Briz retomará a súa actividade cun estrito protocolo de seguridade

O Centro Terapéutico de Briz reabrirá as súas portas o luns da próxima semana. Así o anunciaron a concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, e o presidente de Afapo, Jose Manuel Fontenla, que visitaron de novo as instalacións nas que se celebran as sesións terapéuticas para os usuarios.

Tanto o Concello como a asociación coinciden na necesidade de que este servizo, “que é esencial”, volva estar activo de xeito presencial para os usuarios, tendo en conta o enorme beneficio que ten para eles no traballo da súa capacidade cognitiva.

Para poder retomar a actividade coas máximas garantías de seguridade, decidiuse que o grupo que antes acudía dúas veces á semana se subdivida en dous grupos que irán unicamente un día á semana.

“En cada un destes grupos haberá 7 usuarios, nun caso, e 6 noutro, polo que non temos problema para manter as distancias na sala, que xa vimos de acondicionar para que os usuarios poidan estar no centro de xeito seguro”, asegurou a concelleira Marián Sanmartín. Os grupos repartiranse en luns e mércores, cun horario de 10,00 a 13,00 horas.

“Ademais, deste xeito poderá ofrecerse unha atención máis personalizada”, avanzou Sanmartín, que coincide con Afapo na elevada afectación que tivo para estas persoas toda a situación sanitaria que vivimos, especialmente na época do confinamento.

Así a todo, e tal e como se informou no confinamento, os usuarios do Centro Terapéutico estiveron atendidos en todo momento de xeito telemático. Desde a asociación, deseñáronse actividades para que os usuarios puideran realizar nos seus domicilios, cun material que se lles fixo chegar coa colaboración do Concello de Marín.

Ademais, o equipo de Afapo realizou de maneira telefónica un seguemento proactivo dos casos de maior vulnerabilidade, ofrecendo tamén un servizo de atención psicolóxica ás familias nos casos que foi necesario.

Anterior O Concello inicia os labores de limpeza nos leitos dos ríos

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados