O Concello adxudica a obra de sostemento do muro no Camiño de Cividanes

A Concellaría de Urbanismo informou esta mañá da adxudicación esta semana, por parte da Xunta de Goberno local, do proxecto de mellora do muro de sostemento do Camiño de Cividanes, unha actuación “de vital importancia”, segundo o concelleiro Manuel Santos, debido ao mal estado de conservación da infraestrutura.

En concreto, o tramo no que se actuará é aquel que sostén a ramificación da Rúa da Costa sobre o citado camiño. A infraestrutura consta na actualidade dun forxado soportado por dous piares de formigón, que se atopan moi deteriorados, “polo que hai un risco de derrubamento”, tal e como se pode ler na memoria da actuación.

“Trátase dunha obra que pretende mellorar a accesibilidade e a seguridade dos veciños da zona”, apuntou Santos. Entre os factores que impulsaron o deterioro da estrutura actual destacan o paso do tempo, a humidade, a acumulación de vexetación, as inclemencias meteorolóxicas e o peso do tráfico rodado da Rúa da Costa.

A lonxitude do novo muro será de 25,59 metros e contará cunha altura entre 3,5 e 6,7 metros, dependendo do tramo. A súa creación virá acompañada dunha reposición do firme tanto en Cividanes como na Costa.

Ademais, implantarase unha escaleira de estrutura metálica para a conexión peonil entre os dous niveis dos viarios, atendendo á normativa de accesibilidade, e deseñarase un itinerario peonil, con paso de cebra e sen obstáculos, no final do muro, protexido cunha varanda.

A empresa COVSA será a encargada de executar os traballos, por un importe de 96,652,27 euros (IVE incluído), cun prazo de execución de dous meses.

 

A Rúa da Costa xa conta con novo saneamento

Esta zona está sendo obxecto dunha actuación integral, da que xa se executaron algúns dos proxectos pendentes. Un deles foi a prolongación da rede de saneamento separativa na Rúa da Costa.

En xaneiro do 2015, xa se levara a cabo o proxecto de renovación do saneamento e da pavimentación, cambiando a rede unitaria (que mistura as augas pluviais cas fecais) pola separativa.

Esta actuación rematou no empalme entre a rúa e o inicio do camiño de Agrovello. Coa  prolongación levada a cabo nesta segunda fase, cubriuse a zona que quedou sen rede separativa na execución do anterior proxecto e alcanzarase o desagüe de pluviais do CEP San Narciso.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies