Contacto | Tel.:986 88 03 00

O Concello chega a un acordo de cesión co INVIED e consegue cerca de 30 novas prazas de aparcadoiro para a Barriada Virxe do Carme

09 xaneiro 2021

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, anunciaron, despois de realizar en varias ocasións a petición ao INVIED (Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa) para a cesión de terreos na Barriada Virxe do Came, que se acaba de conseguir a firma dun acordo con este organismo para tal fin.

Segundo explica o Concello, este acordo, rubricado entre o director xerente do organismo e a alcaldesa, cede o uso temporal de tres parcelas nesta barriada, na que se ubica o Centro de Saúde, para poder dedicalas a aparcadoiro disuasorio e dar así resposta á alta demanda de estacionamento que ten este área polo movemento que xera a infraestrutura sanitaria.

Dúas das parcelas están ubicadas dentro da propia barriada e a terceira é a que se sitúa fronte á entrada principal do Centro de Saúde. As tres atópanse actualmente sen uso. Segundo o acordo firmado, esta cesión por parte do INVIED será dun ano, prorrogable ata seis anualidades, e a cesión ten carácter gratuíto.

Agora, o Concello será o encargado de asumir os gastos de acondicionamento,  conservación e limpeza que as parcelas requiran. Segundo os cálculos do Goberno local, dotarase á zona de cerca de 30 novas prazas de estacionamento.

“Trátase dunha boa nova”, asegurou a alcaldesa, “xa que esta cesión permitirá que ordenemos mellor os fluxos de tráfico e estacionamento nunha zona na que a densidade de movemento é elevada pola propia actividade do Centro de Saúde”.

Asemade, o concelleiro de Urbanismo Manuel Santos quixo poñer en relevo “o importante traballo que se está a realizar desde o Goberno local para tratar de conseguir novos espazos de estacionamento disuasorio por todos os puntos do centro urbano, que permitan deixar o coche nun espazo seguro, cómodo e a apenas uns minutos das principais rúas da vila”.

 

 

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies