Contacto | Tel.:986 88 03 00

O Concello traballa nunha estratexia de Smart Mobility para ofrecer información en tempo real sobre estacionamento e transporte público

A transformación da mobilidade urbana para conseguir ser unha vila sostible é o eixo principal que move toda a Estratexia de Desenvolvemento Urbano do Concello de Marín, o coñecido como proxecto Marín 2020, cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.

Ademais dos tres grandes proxectos que abarca esta estratexia, que son a humanización da Avenida de Ourense (actualmente en execución), a reforma do Paseo Alcalde Blanco e a construción do ansiado Auditorio, a EDUSI Marín 2020 tamén abarca outro tipo de proxectos, centrados no aproveitamento das novas ferramentas tecnolóxicas que permitan á nosa vila ser unha cidade intelixente.

Así, segundo adiantou o Concello esta mañá, estase a traballar nunha nova liña de actuación, unha estratexia de Smart Mobility, que axude a implementar medidas que faciliten a mobilidade urbana e que teñen que ver, sobre todo, co transporte público e coa xestión do estacionamento urbano.

Paralelamente á humanización da Avenida de Ourense, o obxectivo é poder sensorizar as prazas de estacionamento de toda esta arteria principal da vila para poder ofrecer en tempo real á cidadanía o estado de ocupación das mesmas, puidendo saber con antelación, tal e como xa se fai noutras cidades, canto aparcadoiro público hai dispoñible nunha área específica nun momento determinado do día.

Esta medida tamén ten visos de aplicarse nos aparcadoiros disuasorios, de cara a ofrecer ao cidadán ou visitante da vila información sobre a ubicación dos mesmos, para que coñeza cal é o que máis lle pode interesar para estacionar o seu vehículo e que densidade de coches aparcados ten nese instante.

O transporte público tamén se verá beneficiado desta opción, puidendo con ela ofrecer información sobre os horarios, as liñas de autobús, a duración dos traxectos e outros datos que poidan resultar de interese para os centos de usuarios e usuarias diarias desta modalidade de transporte interurbana.

En resumo, a finalidade é poder trasladar todas as bondades das novas tecnoloxías da comunicación e da información ao día a día da mobilidade urbana da vila, ofrecendo datos que poidan axudar á veciñanza e que fagan de Marín unha cidade intelixente, cómoda e con ferramentas útiles para ordenar o espazo urbano.

Xa en marcha o novo aparcadoiro disuasorio de Jaime Janer

Recentemente, o Concello conseguiu un novo aparcadoiro disuasorio, que se suma aos outros sete que se foron habilitando nos últimos dous anos e que supoñen unha dotación de 650 prazas extra de estacionamento en pleno casco urbano.

Este novo disuasorio, situado na rúa Jaime Janer, estará habilitado en breve, xa que esta semana comenzaron os traballos na parcela cedida polo propietario durante oito anos, con posibilidade de prórrogas anuais até acadar os 25 anos.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies