O Local Social de Pardavila, cheo de vida e de melloras grazas á asociación veciñal e ao apoio institucional

30 novembro 2021

O Local Social de Pardavila é un espazo cheo de vida e de actividades, que pouco a pouco mellora as súas instalacións e que supón o exemplo perfecto da colaboración entre a veciñanza e a administración para poñer en valor estes espazos de dinamización.

A alcaldesa, María Ramallo, acompañada polo edil de Medio Rural, Pablo Novas, visitaron o local coa presidenta da Asociación de Veciños de Pardavila, Elisa Dopazo, e outros representantes do colectivo, para coñecer in situ as obras de mellora que se levaron a cabo grazas a unha subvención de Vicepresidencia da Xunta de Galicia.

A asociación veciñal investiu cerca de 12.000 euros na renovación de seis ventás e catro portas do local, mellorando a regulación térmica do espazo e incidindo así no aforro enerxético, xa que co novo material mellorouse o sellado e o illamento do exterior e se permite tamén unha mellor separación das estancias.

A presidenta do colectivo trasladoulle á rexedora as actividades que se realizan no local, desde clases de ioga a obradoiros de cociña, pasando por campamentos para a rapazada durante o verán ou clases de zumba.

“Manter vivas estas instalacións e usalas para dinamización, ofrecendo actividades para os veciños e veciñas é un mérito das asociacións, ás que tanto desde o Concello como desde outras administracións, neste caso a Xunta, temos que apoiar, para que poidan renovar os seus espazos, comprar mobiliario, seguir realizando a súa actividade… En definitiva, para que sigan sendo o motor da vida social e comunitaria no noso rural”, declarou a rexedora.

De feito, a alcaldesa aproveitou para comprobar como quedou un dos baños que se renovou con cargo aos fondos municipais, investindo cerca de 2.500 euros, e que agora é moito máis accesible, moderno e confortable.

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies