Contacto | Tel.:986 88 03 00

O Museo Torres funcionou no 2020 como o gran motor cultural da vila

07 xaneiro 2021

O Museo Manuel Torres de Marín converteuse este ano tan extraño e duro de pandemia nun lugar de desconexión da realidade que nos arrodeou. Así o demostran os datos de afluencia, que aumentaron con respecto ao ano pasado, “logrando o seu obxectivo de difundir tanto a figura de Manuel Torres, así como doutros artistas locais”, afirmou a concelleira Itziar Álvarez.

O Ano Torres continuará a súa conmemoración despois de que moitas actividades quedasen paralizadas por mor da Covid. Ademais, segue sendo un ano cunha data relevante para o artista de Marín, xa que será a conmemoración dos 120 anos do seu nacemento.

“Seguiremos organizando actividades en torno á figura do noso pintor máis ilustre e animamos á veciñanza e aos centros escolares a que, cumprindo as normas, visiten o noso Museo para coñecer máis de preto a súa figura”, afirmou Álvarez.

Durante este 2020, o Museo, a pesar das circunstancias, mantivo unha boa frecuencia de organización de citas culturais. En xaneiro, Can de Papel e Kosmosystem inauguraron o ano cunha exposición novidosa, que atraeu a moitos nenos e nenas grazas á espectacularidade das figuras feitas con papel.

En febreiro mantívose a tradicional cita coa camelia, afianzando esta cita como unha das máis importantes do ano e acompañándoa da exposición do pintor Ález Vázquez.

Marzo comezou coa exposición da historia dos escudos e da bandeira de España, da man da Asociación Retógenes, que foi retomada en xullo, unha vez foi posible reabrir o Museo, e que contou con visitas grupais de membros da Brilat e da ENM.

A Asociación Céltica expuxo os seus traballos de fin de curso, unha cita anual no noso Museo, no seu apoio constante aos novos valores marinenses. E a Artista Marinense do Ano, Rosa Crespo, deleitounos cunha espectacular exposición do seu percorrido como pintora. Tamén o pintor marinense Manuel Santos elixiu o Museo para despedirse da actividade expositiva, cuns espectaculares cadros de gran formato.

Finalmente, o gran peche deste ano foi a restauración do cadro de Torres “Los niños comiendo pasteles”, unha imitación dun cadro de Murillo que pintou durante a pandemia de 1918. Todo un chisco ao paso do tempo, ás dificultades compartidas entre xeracións e á capacidade de resiliencia da nosa sociedade.

Inauguración do ascensor

O 2020 tamén foi un ano positivo para o Museo en canto á mobilidade e á accesibilidade, xa que se inaugurou o ansiado ascensor, que permitirá a persoas con cadeira de rodas ou con problemas de mobilidade acceder ás salas de exposición.

Este foi un compromiso por fin cumprido, que contou co apoio económico da Xunta de Galicia, cuxo vicepresidente, Alfonso Rueda, inaugurou xunto coa alcaldesa, María Ramallo.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies