Contacto | Tel.:986 88 03 00

O Goberno local contactou nestes días con máis de 600 anciáns da vila para coñecer a súa situación durante o confinamento

Na situación actual de confinamento que estamos a vivir para frear a propagación da pandemia do coronavirus, os nosos maiores son o grupo de máis risco e por iso é preciso redobrar os esforzos no seu coidado e na súa atención.

Así o entende o Concello, que desde principios desta semana está a contactar de maneira recurrente con aqueles veciños e veciñas de máis de 80 anos. Algúns viven en soidade e outros acompañados polo seu ou súa cónxuxe, tamén de avanzada idade, ou dalgún fillo ou filla, que en ocasións teñen ao seu cargo.

Esta mañá, o Goberno local, que dirixe a concelleira Marián Sanmartín, fixo balance das persoas atendidas desde o inicio das chamadas. En total, foron contactados 605 veciños e veciñas, residentes en todo o termo municipal, e dos que o Goberno local ten constancia grazas ao padrón.

Desas máis de 600 persoas, manifestáronlle ao Concello que se atopan perfectamente atendidas, tanto por ter a algún familiar que lles axuda en todo o que precisan, por contar con persoal asistencial contratado que lles coida ou por ser usuarias xa previamente do servizo de atención a domicilio xestionado polo propio Concello.

“Así a todo, agradecen moito a chamada, porque notan que existe preocupación e interese polo seu estado e agradecen ter un soporte ao que recurrir no caso de que fose necesario”, declarou Sanmartín.

A cifra de contactados podería ser un pouco máis elevada, pero tal e como explicou a concelleira, houbo algúns casos nos que non había posibilidade de establecer contacto coas persoas que cumprían os requisitos, debido a diversas casuísticas: “Nalgúns casos, no padrón non figuraba ningún número de teléfono e noutros, son persoas que xa non residen nesa vivenda por circunstancias varias”.

Para casos nos que foi necesario xestionar algún tipo de axuda, ésta foi coordinada pola Asistenta Social e por membros de Protección Civil.

De todos os xeitos, o Concello explica que aínda que moitas persoas están atendidas solicitaron que volvan a contactar con elas, para saber como levan o confinamento ou se mudou dalgunha forma a súa situación e, sobre todo, para seguir recibindo este labor de acompañamento que tamén se considera fundamental.

Máis material de prevención

Por outra banda, a alcaldesa, María Ramallo, informou esta mañá de que recibiron novas unidades de material de prevención por parte da Xunta de Galicia, que se suman ás xa recepcionadas a mediados de semana.

De xeito concreto, Marín recibiu da administración autonómica 300 mascarillas, 1.500 luvas, varias unidades de gafas protectoras e 85 EPIs. “Nestes momentos, nós temos todo o material de prevención que precisamos para dotar ao noso persoal de todas as medidas de seguridade esixidas”, explicou a alcaldesa.

A Policía Local, as brigadas de limpeza e o funcionariado público que traballa nos servizos mínimos son os que recibirán este material, a medida que vaian esgotando as existencias cas que actualmente contan para desempeñar o seu fundamental e valioso labor.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies